O Cegadi acolle un proxecto de terapia acuática para impulsar a autonomía de persoas con algunha patoloxía neurolóxica

Cogami desenvolve esta actividade innovadora na piscina do Centro Galego de Desenvolvemento Integral emprazado en Santiago de Compostela

Participan 13 persoas que padecen esta afectación coa finalidade de mellorar a adaptación ao medio, facilitar a súa mobilidade e relaxar a musculatura
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2021

O Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) de Santiago de Compostela acolle este mes de decembro nas súas instalacións un proxecto de terapia acuática dirixido a impulsar a autonomía de persoas con discapacidade. En concreto, trátase dun programa rehabilitador dirixido ás persoas con algunha patoloxía neurolóxica.

É a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) a encargada de desenvolver esta actividade, que se puxo en marcha tras rematar as obras de mellora de accesibilidade levadas a cabo pola Xunta de Galicia na piscina. Deste xeito, 13 persoas realizan sesións rehabilitadoras no vaso do Cegadi e cun protocolo de seguridade acorde á situación actual.

Os participantes, con idades comprendidas entre os 5 e os 60 anos, proceden de distintos puntos da Comunidade como Ordes, A Estrada, Ames, Porto do Son, Lousame, Valga e Santiago de Compostela.

Os usuarios deste proxecto son axudados por profesionais de fisioterapia, terapia ocupacional e logopedia con formación en terapia acuática. Así mesmo, tamén se instrúe aos familiares dos participantes para que, unha vez rematado o proxecto, poidan continuar realizando exercicios rehabilitadores que lles axuden a facilitar a mobilidade, controlar o corpo, mellorar a adaptación ao medio ou a relaxar a musculatura.
 

Imaxes relacionadas