A Xunta entrega 8,5 toneladas de produtos agroalimentarios de Mercaproximidade ao Banco de Alimentos de Santiago

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiu hoxe a este reparto, que se fai ao abeiro dun convenio entre a Xunta e o Parlamento para axudar os colectivos máis necesitados a raíz da covid-19

A distribución destes alimentos beneficiará un total de 15 asociacións e bancos de alimentos de toda Galicia, que recibirán en conxunto máis de 123 toneladas de produtos

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe á entrega solidaria de alimentos no marco da canle Mercaproximidade ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela. En total, esta asociación beneficiouse da achega de 8.540 quilos de produtos do agro (patacas, Ternera Gallega, porco celta, cordeiro e queixos).

Este reparto forma parte do que se vén facendo estes días a diferentes entidades sociais e bancos de alimentos de toda Galicia, ao abeiro dun convenio asinado entre a Xunta e o Parlamento de Galicia para a provisión de produtos agroalimentarios aos colectivos máis necesitados a raíz da covid-19.

Por medio deste acordo, asinado o pasado día 27 de novembro entre o conselleiro do Medio Rural, José González, e o presidente da Cámara, Miguel Santalices, as organizacións sen ánimo de lucro -concretamente os comedores sociais e bancos de alimentos- poden solicitar á Consellería a concesión de subvencións en especie. Neste senso, e tal e como xa fixo durante o estado de emerxencia, Medio Rural mercou alimentos ao abeiro da rede Mercaproximidade a produtores e industrias de transformación de Galicia adheridos a esta canle para logo cedelos a estas entidades sociais.

En total, estanse a distribuír algo máis de 123 toneladas de alimentos a 15 asociacións e entidades de carácter social. Delas, máis de 110 toneladas son de patacas, 4.550 quilos de carne de Ternera Gallega, preto de tres mil quilos de porco celta, 2.240 quilos de cordeiro, 3.535 quilos de queixo e 1.000 ducias de ovos.

Cooperación

Esta colaboración entre a Xunta e Parlamento de Galicia ten como finalidade continuar a cooperación coas entidades de iniciativa social que realizan actuacións dos servizos de cobertura de necesidades de alimentos, dotándoas neste Nadal de produtos agrogandeiros adquiridos directamente aos agricultores, gandeiros e pequenas industrias galegas. Desta forma, séguese a apoiar o traballo do sector primario galego que tamén sufriu as consecuencias da pandemia. Para levar a cabo esta colaboración entre Xunta e Parlamento de Galicia, dispúxose dun orzamento total de 130.000 euros para a compra de alimentos, dos cales cada unha das partes aporta o 50%.

A rede alternativa Mercaproximidade foi creada pola Consellería do Medio Rural durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19. Dende a súa posta en marcha, máis de 450 industrias transformadoras e produtores adheríronse como provedores esta canle. Da banda da distribución, colaboran a práctica totalidade das cadeas que operan en Galicia.

Por outra parte, neste contexto a Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios como queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro e patacas a diversas entidades sociais, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante o estado de alarma. Tamén entregou alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

Menús de Nadal

Cabe lembrar, a maiores, que a cooperación entre o Goberno galego e o Parlamento fixo posible tamén estes días o reparto de máis de 7.700 menús solidarios de Nadal a persoas vulnerables, ao abeiro desta mesma canle Mercaproximidade. En virtude dun acordo subscrito entre a Xunta -a través da Vicepresidencia primeira e Consellería da Presidencia, Xustiza de Turismo e da Consellería do Medio Rural- e a Cámara autonómica, cociñeiras e cociñeiros galegos de prestixio elaboraron, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, unha serie de menús de Nadal a base de produtos agroalimentarios procedentes da devandita rede que se serviron a pasada Noiteboa.

Plan de reactivación

Esta medida enmárcase no Plan de reactivación e dinamización impulsado por Medio Rural para facer fronte á crise provocada pola covid-19 no agro galego e que, en conxunto, prevé un investimento total de 165 millóns de euros. Entre os eixos deste plan salienta precisamente un dirixido de xeito monográfico á promoción, comercialización e internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos, todo isto cunha estratexia de diferenciación baseada na calidade e na diversidade das producións, con especial referencia ao impulso da canle Mercaproximidade.

Imaxes relacionadas