Marta Fernández-Tapias pon en valor os avances nas grandes infraestruturas da Xunta de Galicia este ano en Vigo

A delegada territorial da Xunta fai balance dun 2020 “difícil” no que as inversión do Goberno autonómico na cidade avanzan a bo ritmo pese ao impacto da pandemia

Destaca que o compromiso do Executivo galego co crecemento económico e social de Vigo volve a quedar patente coa licitación da ampliación do Ifevi por 7.3 millóns

Reivindica a aposta pola Cidade da Xustiza, a estación intermodal, as obras de urbanización en Navia, o centro de saúde de Bouzas ou o albergue de peregrinos

Sinala que nestes 100 días no cargo puido constatar a falta de vontade política de Caballero a entenderse coa Xunta: “Vigo xa non é a súa prioridade”

Vigo, 30 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, puxo en valor os avances das grandes infraestruturas que o Goberno galego ten en execución na cidade. No seu balance dun 2020 “difícil” por mor da Covid-19, centrado na xestión da crise sanitaria, subliñou que as inversións autonómicas na cidade avanza a bo ritmo. Así, destacou o “incuestionable” compromiso do Executivo galego co crecemento económico e social de Vigo, que volveu a quedar patente coa autorización este martes da contratación por 7,3 millóns de euros da ampliación do Ifevi.

Fernández-Tapias reivindicou a implicación do Goberno autonómico na cidade e o seu reflexo en obras como a Cidade da Xustiza, a estación intermodal, as obras de urbanización no polígono de Navia, o centro de saúde de Bouzas ou o albergue de peregrinos. Tamén chamou a atención sobre os novos proxectos adiantados como é o caso do centro de saúde Olimpia Valencia, o impulso definitivo á ETEA ou o centro interxeneracional da antiga estación de autobuses. Un grado de compromiso que non esquece nin ás familias nin ás empresas, dixo. “Hoxe a cidade ten máis e mellores servizos sociais e unha mellor sanidade e educación públicas”, engadiu.

E neste contexto, Fernández-Tapias lamentou a falta de vontade política de Abel Caballero a entenderse coa Xunta polo ben dos vigueses e viguesas. Proba de elo é a súa negativa reiterada a abrir as necesarias canles de comunicación e colaboración co Goberno galego: “Quédanos claro que Vigo xa non é a súa prioridade”.

Na súa opinión, Caballero, ao que ve instalado na confrontación permanente e a queixa ficticia, debería ser o primeiro interesado en que as relacións coa primeira administración de Galicia fluísen en beneficio da veciñanza. “So persigue o conflito permanente con falsos agravios e polémicas infundadas que non se apoian na verdade”, apuntou.

Invitouno así a mudar de actitude coa chegada do 2021 e deixar a un lado unha pretendida guerra política coa que unicamente sae perdendo a cidadanía de viguesa. “Un bo comezo sería recoñecer o esforzo inversor da Xunta en Vigo e a súa contribución durante todos estes anos á transformación da cidade”, anotou.

Tras sinalar que o momento actual require de altura de miras e fai imprescindible manter un traballo coordinado entre administracións, convidouno a antepoñer Vigo a súa figura política e ás batallas estériles coas que “a poucos convence xa”.

Fernández-Tapias, quen a pesar dos desplantes de Caballero agarda poder ter ocasión de intercambiar impresións sobre a mellor forma de traballar conxuntamente polo futuro de Vigo, para que este recupere o liderado perdido durante os últimos anos, insistiu en que “lle guste ou non ao alcalde vigués, a Xunta de Galicia é a Administración que máis inviste na cidade”. Con todo, mantén a man tendida á comunicación co Concello para desatascar proxectos que verdadeiramente fan cidade, “unha máis próspera e con mellores servizos públicos”.

A delegada territorial dixo admitir o debate construtivo, pero en ningún caso unha mentira. “Vigo gaña si se colabora. Entendemos que se pida e se exixa, pero non que se minta”, aseverou.

“Sería desexable poder abordar as necesidades da cidade desde unha relación baseada na confianza mutua, pero queda claro que temos formas diferentes de entender a xestión pública e eliximos camiños distintos”, subliñou Fernández-Tapias, para quen a “nula vontade de diálogo” por parte de Caballero non suma ao proxecto transformador que a Xunta está a executar en Vigo.

“Non quere o desenvolvemento cultural da cidade, nin a mellor Biblioteca Pública do Estado nin o proxecto do Barrio Creativo para o Casco Vello”, advertiu. De igual xeito, “oponse a proxectos de relevancia social como a residencia de maiores da Etea ou o centro interxeneracional que temos proxectado para a actual estación de autobuses”, aseverou Fernández-Tapias, antes de incidir en que “tampouco quere que invistamos 1 millón de euros no saneamento de Teis ou os 1,6 millóns anunciados para a ampliación da conca do Lagares para evitar inundacións”. “Incluso chegou a cuestionar -dixo- o compromiso da Xunta coa ampliación do Ifevi nun intento de desviar a atención da incompetencia do Goberno Central, que tardou 8 meses en emitir os seus respectivos informes”.

A súa oposición a todo canto proxecto anuncia, presenta ou executa o Goberno galego, acentuou, “chega ao absurdo de negarse a sinalizar o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Vigo, cando estamos a dous días da apertura da Porta Santa”. “Oponse, nega o entorpece por sistema sen importarlle as consecuencias”, engadiu.

A delegada é consciente que a colaboración coa Xunta indubidablemente lle reportaría menos réditos políticos, “pero sairían gañando os cidadáns”, opinou, “do mesmo xeito que o farían si lle reclamase ao Estado, co igual grado de belixerancia, un mínimo de implicación coa cidade de Vigo”.

Agravios do Estado

E neste sentido, Fernández-Tapias pediulle a Caballero unha reacción á altura duns orzamentos xerais elaborados e pensados de costas a Vigo, e que antepoña os intereses da cidade aos dos seus compañeiros de partido en Madrid. Así se preguntou como o alcalde cala ou, peor, aplaude que proxectos que a cidade leva anos reclamando sigan en “parada técnica”, sinalou en clara referencia a que non avanzan da fase de estudo.

Este é o caso da saída sur ferroviaria que permitiría facer pasante a estación de Urzaíz e pechar Guixar, reducir as distancias en tempo con Madrid e Portugal, e situar a Galicia no mapa das redes transeuropeas. A este respecto, a delegada reiterou que a Xunta dará a batalla e non permitirá unha nova discriminación do Corredor do Atlántico fronte a outros territorios.

De irrisorios tildou os 100.000 euros que destina o Estado a autovía Vigo-O Porriño, o los 500.000 que se destinan ao proxecto de entrada do AVE a cidade por Cerdedo. Asemade, a sede de investigacións mariñas proxectada na ETEA terá que esperar uns anos para ser realidade ao igual que ocorre coa Biblioteca do Estado.

Precisamente, en referencia a este último proxecto a delegada recordou que o Goberno central non so non destina máis de 100.000 euros no documento orzamentario de 2021, senón que corrixe á baixa e reduce á metade o proxecto de necesidades remitido pola Executivo autonómico. “Non podemos admitir unha superficie menor aos 8.000 metros cadrados que recollemos no documento, xa que un menor espazo non daría resposta a demanda actual”, advertiu, para insistir en que “queremos en Vigo a mellor biblioteca pública do Estado”.

Pese a todos este agravios, “o alcalde segue calando”, subliñou a delegada, quen afirmou que mentres que isto pasa “desde a Xunta seguiremos a traballar por Vigo e polos vigueses e viguesas”. “Para nós Vigo debe estar por riba de todo”, concluíu.