A Xunta e o Sindicato Unificado de Policía abordan as necesidades da Policía Autonómica de cara ao 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe con representantes do SUP en Galicia

A Xunta e o SUP coincidiron en reclamar ao Goberno central que complete o cadro de persoal da Policía Autonómica na comunidade e que autorice a posta en marcha no Monte do Gozo dunha comisaría de atención ao peregrino que se converta en punto de referencia policial no Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta mañá con responsables do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, para coñecer as demandas da Unidade de Policía Adscrita á comunidade autónoma de cara ao próximo ano. A Xunta e o SUP coincidiron na necesidade de que o Goberno central cubra as prazas vacantes e complete canto antes o cadro de persoal da Policía Autonómica, que actualmente se atopa ao 80%, para facer fronte ao aumento de competencias asignadas. No encontro tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Alfonso Rueda explicou que, co mesmo número de efectivos, os axentes da Policía Autonómica están a ver incrementadas as súas competencias en funcións como o control do cumprimento das medidas de prevención fronte á covid-19 e tamén no reforzo da seguridade de cara ao Ano Santo coa creación dun grupo específico de atención aos peregrinos.

Desde o Sindicato Unificado de Policía en Galicia destacaron o esforzo da Xunta para dotar nos últimos anos de vehículos á Policía Autonómica, o que supuxo a renovación case total da flota. Nesta liña, o mes pasado o Goberno galego entregou 4 novos todocamiño híbridos para a Policía Autonómica, os primeiros vehículos destas características, especialmente equipados para labores de prevención, control e investigación nos Camiños de Santiago e tarefas medioambientais.

A Xunta e o SUP tamén coincidiron na necesidade de que Ministerio do Interior apoie e autorice a posta en marcha dunha comisaría de atención ao peregrino no Monte do Gozo que se converta no punto de atención policial de referencia no Xacobeo 2021 para os peregrinos que cheguen a Compostela. O Goberno galego comprometese a levar a cabo as actuacións necesarias para acondicionar un pavillón deste recinto e reclama a implicación do Executivo central para comezar o proxecto.

Imaxes relacionadas