As Directrices da Paisaxe entrarán en vigor no primeiro trimestre de 2021 para protexer os valores paisaxísticos de Galicia

Feijóo subliña que deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo na comunidade autónoma

Sinala que no documento diferéncianse unha serie de normas, que serán obrigatorias; e un listado de recomendacións
 

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que as primeiras Directrices da Paisaxe de Galicia entrarán en vigor no primeiro trimestre de 2021 co obxectivo de protexer os valores paisaxísticos da comunidade autónoma.

Logo de que o Consello aprobase esta mañá o Decreto das Directrices da Paisaxe, Feijóo explicou que no documento diferéncianse unha serie de normas, que serán obrigatorias; e un listado de recomendacións, que suxiren limitacións ou condicións de carácter xenérico. O titular da Xunta incidiu en que “as directrices deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo en Galicia”.

Así, en relación coas normas, destaca, por exemplo: que as infraestruturas enerxéticas -os tendidos e redes- deberán ser subterráneas no caso dos novos desenvolvementos urbanísticos; nas áreas de especial interese paisaxístico, que son 313 en Galicia, só se permitirá a apertura dunha canteira ou mina se é rigorosamente xustificada e sen impacto; e deberanse establecer limitacións respecto das plantacións de eucaliptos, establecéndose como norma a promoción de medidas para substituír masas de eucalipto e priorizar as autóctonas.

En canto aos espazos naturais protexidos, darase prioridade á rexeneración das zonas que sufran impactos paisaxísticos como incendios, verteduras ou similares. E nos plans e instrumentos de ordenación forestal fixaranse medidas para a eliminación e prevención das especies vexetais invasoras.

No tocante ás infraestruturas e vías de comunicación: inclúense condicións, criterios de integración e recomendacións para un tratamento axeitado do valor das vistas panorámicas desde as vías de comunicación; así como que as pontes de máis de 50 metros de lonxitude requirirán dun informe do organismo competente en materia de paisaxe.

Así mesmo, fíxase como norma a obrigatoriedade de retirar os carteis, paneis e demais sinaléctica de obras ou actuacións públicas rematado o prazo de permanencia que determinen os compromisos adquiridos no seu financiamento; e empregar especies vexetais autóctonas para a revexetación dos elementos viarios, como medianas, rotondas ou noiros.

Sobre posibles actuacións no Camiño de Santiago, cómpre salientar que as directrices indican que dentro das zonas visibles do Camiño e a menos de 500 metros deste, os cambios de actividades agroforestais requirirán xustificación.
 

Imaxes relacionadas