A Xunta impulsa 21 plans de internacionalización dixital de pemes e microempresas da comarca de Santiago con máis de 840.000€

As axudas achegadas a través das dúas convocatorias deste ano do Galicia Exporta Dixital mobilizarán nesta área un millón de euros

O Goberno galego reforzou e adecuou o novo programa ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico

O obxectivo é impulsar as vendas no exterior das empresas galegas, especialmente as de menos de 10 traballadores e os comercios, a través de ferramentas dixitais innovadoras

Complementa as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación e dinamización económica, como as liñas de apoio á modernización e a innovación no comercio de proximidade, o rural e a economía social
 

Boqueixón (A Coruña), 29 de decembro de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a empresa Ps Vet Dairyquality, unha das empresas beneficarias do programa Galicia Exporta Dixital, a nova liña de axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación reforzada reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19.

Trenor puxo en valor o traballo de todo o equipo desta empresa dedicada a consultoría veterinaria que recibiu unha achega de máis de 49.000 euros para levar a cabo a dixitalización de todo o proceso de venda dos dos seus produtos a través de internet. O delegado da Xunta destacou o exemplo dos seus profesionais que o ano pasado recibiron o recoñecemento da Xunta como mellor iniciativa de conciliación laboral e familiar.

O representante do goberno autonómico aproveitou a visita para dar conta das axudas deste programa para o impulso á internacionalización das pemes galegas que na cidade de Santiago de Compostela e a súa área de influencia deixarán máis de 840.000 euros para apoiar a 21 empresas, 13 delas situadas na cidade a outras 8 en concellos limítrofes e mobilizarán máis dun millón de euros. En total, na provincia da Coruña beneficiaranse deste plan de axudas 56 pemes que recibirán unha achega total de 2,1 millóns de euros.

No que se refire ao tipo de medidas que se implementarán, as máis demandadas son as relativas ao software, destacando especialmente os gastos de solucións de inbound márketing internacional para captar, reter, converter e fidelizar a usuarios. Outros dos plans máis solicitados son os relativos á creación e adaptación de tendas online e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo.

O delegado da Xunta destacou que “o obxectivo deste programa da Vicepresidencia económica é apoiar a expansión internacional das empresas galegas, especialmente de empresas con menos de 10 traballadores e os establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras. As axudas aprobadas na provincia van supor unha mobilización de 2,7M€ e o gasto medio por proxecto aprobado supera os 50.500 euros”

Ademais, aclarou que “as pemes beneficiarias poderán avanzar na súa internacionalización cara a mercados da Unión Europea e fóra de Europa tamén hai iniciativas en países como Estados Unidos e México, destinos principais das accións de promoción das vendas que serán apoiadas”. O representante do Goberno autonómico lembrou que “con este programa a Xunta busca tanto facilitar a internacionalización individual das pemes como favorecer a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías”.

Outras medidas de impulso á dixitalización

Cofinanciado polos fondos Feder, este programa complementa o Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios, aos que en conxunto en 2020 se destinan preto de 15 millóns de euros e cos que se espera apoiar a promoción no exterior de 1000 empresas galegas.

Ademais, o Galicia Exporta Dixital completa as medidas aprobadas polo Goberno galego para impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización económica de Galicia. Estas iniciativas pretenden facilitar que poidan acometer os procesos de dixitalización máis axeitados que lles permitan reforzar a súa actividade e afondar na súa expansión internacional, tendo en conta de maneira especial o comercio de proximidade, o tecido empresarial situado no ámbito rural, a economía social e o impulso do teletraballo.
 

Imaxes relacionadas