A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo unha xuntanza por videonconferencia co alcalde, Francisco Ferreira

Ethel Vázquez trasládalle ao alcalde de Gondomar que antes do vindeiro verán os menores de 21 anos do municipio poderán viaxar gratis no autobús interurbano coa tarxeta ‘Xente Nova’

A creación da Área de Transporte de Galicia permitirá que o vindeiro ano se apliquen en Gondomar as vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano que o Concello rexeitou dúas veces en 2015

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe ao alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, que o antes do vindeiro verán os menores de 21 anos do municipio poderán viaxar gratis nos autobuses dependentes da Xunta coa tarxeta Xente Nova.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro, por videoconferencia, co rexedor, no que abordaron os cambios operados no transporte público que presta servizo no municipio.

O pasado 23 de decembro entraron en funcionamento os novos contratos de autobús interurbano, dependentes da Xunta de Galicia, e que completan o Plan de Transporte Público de Galicia. No caso concreto do concello de Gondomar, os novos servizos melloran notablemente as conexións coa cidade de Vigo e levan aparellada unha importante baixada de prezos.

Ademais, nos vindeiros meses está previsto despregar o sistema que permita que comece a funcionar neses novos servizos a tarxeta Xente Nova, o dispositivo que permite que os menores de 21 anos viaxen gratis.

A conselleira explicoulle ao alcalde que, paralelamente, a Xunta está a tramitar a creación da Área de Transporte de Galicia, á que se poderá adherir o Concello de Gondomar para que, a partir do vindeiro ano, os veciños deste municipio se poidan beneficiar das vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano.
Cómpre lembrar que Gondomar tivo a oportunidade de formar parte desde o primeiro momento da Área de Transporte Metropolitano de Vigo, constituída en 2015, pero naquel momento o Concello votou en contra da súa integración en dous plenos municipais.

Mellora da seguridade viaria no polígono da Pasaxe

Na xuntanza, a conselleira tamén informou ao alcalde de que o vindeiro mes de xaneiro rematarán as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-331 no entorno do polígono da Pasaxe, logo dun investimento autonómico de máis de 430.000 euros.

Esas obras, destinadas a eliminar un treito de concentración de accidentes, suporán unha mellora substancial nos accesos ao Polígono e a súa execución foi coordinada tanto co Concello como cos empresarios.

Finalmente, Ethel Vázquez abordou co alcalde a situación do saneamento no municipio. A ese respecto, a conselleira indicou a necesidade de que o Concello acometa o antes posible a auditoría comprometida sobre a súa rede de saneamento, de forma que, unha vez coñecidos os resultados, se planifique de forma axeitada a ampliación da estación depuradora de augas residuais.

En relación con esa depuradora, Vázquez lembrou que a Xunta vén de asinar un convenio polo que se compromete a seguir xestionando esa instalación municipal. A pesar de ser unha competencia municipal, en aras de colaborar e axudar a ese municipio no exercicio das súas competencias, a Xunta de Galicia vén explotando a depuradora de Gondomar desde xuño de 2005.

Trátase dunha inxente axuda da Xunta ao municipio, tanto desde o punto de vista técnico, como administrativo como, sobre todo, económico. En total, a Administración autonómica leva investidos máis de 8 millóns de euros no mantemento e explotación destra infraestrutura hidráulica.