Medio Ambiente estudará a posibilidade de colaborar nunha actuación de posta en valor do río Mendo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor municipal mantiveron unha reunión por videoconferencia para abordar os proxectos de interese para a entidade local

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladoulle esta tarde ao alcalde de Oza-Cesuras, José Pablo González Cacheiro, que o seu departamento estudará a posibilidade de colaborar nunha actuación para a posta en valor do río Mendo ao seu paso por este concello da provincia da Coruña.

A conselleira Vázquez mantivo unha reunión por videoconferencia co rexedor municipal, na que abordaron os proxectos de interese para este municipio.

Nese sentido, sinalou que trasladará á Dirección Xeral de Patrimonio Natural a posibilidade de establecer algunha liña de colaboración para a execución de traballos que melloren o estado actual deste ámbito e revitalicen a zona, como lugar de esparcemento e punto de encontro para os veciños; así como para sumar un novo atractivo para as persoas que visitan este concello, apostando por un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente.
 

Imaxes relacionadas