A Xunta achega 56.600 euros para mellorar a xestión de residuos no concello do Incio cun punto limpo móbil

O delegado territorial, Javier Arias, coñeceu o novo equipamento adquirido pola entidade local para levar ás diferentes parroquias o servizo de recollida selectiva de restos voluminosos e outro tipo de lixo

O Incio (Lugo), 28 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia achegou 56.600 euros ao Concello do Incio para mellorar a xestión de residuos no municipio mediante a posta en servizo dun punto limpo móbil.

O delegado territorial, Javier Arias, acompañado polo alcalde do Incio, Héctor Corujo, coñeceu o novo equipamento adquirido pola entidade local coa colaboración da Xunta, que consiste nun camión con grúa e caixa que servirá para levar ás diferentes parroquias o servizo de recollida de residuos como aceites vexetais usados, téxtiles, restos voluminosos ou medicamentos, entre outros.

Arias explicou que esta colaboración enmárcase na orde de axudas convocada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para financiar actuacións en materia de residuos de competencia municipal, co obxecto de favorecer a adecuada recollida e clasificación do lixo doméstico.

Na convocatoria deste ano, a Xunta destinou 457.000 euros a mellorar a xestión de residuos en 19 municipios da provincia de Lugo, mediante achegas destinadas á habilitación de puntos limpos móbiles ou espazos de autorreparación, o fomento da compostaxe e a implantación da recollida separada da fracción orgánica.

Este programa forma parte do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022, conforme ao establecido na Estratexia Galega de Economía circular 2020-2030 aprobada pola Xunta a finais do ano pasado.
 

Imaxes relacionadas