A Xunta e a USC desenvolverán un proxecto conxunto para o seguimento e detección temperá da covid-19 nas augas residuais de Santiago de Compostela

Analizaranse as augas de entrada á estación depuradora da Silvouta tres veces por semana durante o primeiro cuadrimestre do ano 2021, o que permitirá avaliar a incidencia e a evolución do virus e establecer tendencias

A toma de mostras iniciarase a vindeira semana para seguir a evolución dos contaxios na cidade tras as festas do Nadal, analizando a incidencia de factores como a repercusión do retorno dos estudantes e o inicio da campaña de vacinación

Tamén se rastrexarán as augas residuais en colectores, intentando sectorializar distintas áreas da cidade e analizarase a presenza de material xenético do virus en distintas etapas da estación depuradora, tanto na liña de auga como en residuos

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

A Xunta e a USC desenvolverán un proxecto conxunto para o seguimento e detección temperá da covid-19 nas augas residuais de Santiago de Compostela.

A administración autonómica, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da Consellería de Sanidade, asinará un convenio de colaboración coa USC e coa concesionaria do servizo municipal da auga de Santiago, Viaqua, para facer seguimento da presenza da covid-19 nas augas residuais da cidade.

Farase seguimento das augas de entrada da EDAR da Silvouta, de titularidade do Concello de Santiago, tres veces por semana, durante o primeiro cuadrimestre do ano 2021, o que permitirá avaliar a incidencia e a evolución do virus e establecer tendencias.

A toma de mostras iniciarase a vindeira semana e permitirá seguir a evolución dos contaxios na cidade tras as festas do Nadal, analizándose a repercusión do retorno dos estudantes e tamén o inicio da campaña de vacinación.

Ademais do seguimento da auga de entrada á depuradora, no marco do convenio tamén se tomarán mostras das augas residuais en colectores, intentando sectorializar distintas áreas da cidade, analizando tamén a presenza de material xenético do virus en diferentes etapas da estación depuradora de augas residuais, tanto na liña de auga como en residuos.

No marco do convenio, as partes asinantes achegarán os medios económicos e o persoal necesario para acadar un coñecemento que sirva para a detección temperá da covid-19 a través das augas residuais.

Este novo proxecto vense sumar aos que a Xunta desenvolveu en distintas depuradoras de augas residuais da comunidade: a través do convenio de colaboración asinado coa Universidade de Vigo e co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), para a detección temperá da covid-19 en dez depuradoras a través de bioindicadores mariños; e coa colaboración coa Universidade de Santiago e coas empresas xestoras para rastrexar a presenza de virus nas augas e nos lodos resultantes dos procesos de depuración noutras sete depuradoras da comunidade. Ademais, a Xunta forma parte dun proxecto de investigación impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que en Galicia analiza a evolución da pandemia a través da depuradora de Ourense.

Cómpre lembrar que a análise da presenza do SARS-CoV 2 en augas residuais é un dos métodos de seguimento da infección da covid-19 en ámbitos poboacionais que se están empregando nos últimos meses.

O SARS-CoV 2 deixa un rastro xenético que permanece no corpo dos infectados durante 20 días e que é expulsado por medio das feces. Estas medicións poden achegar información máis real sobre a circulación do virus na poboación, unha vez que unha parte importante dos pacientes asintomáticos ou con síntomas leves pasan a enfermidade no seu domicilio. A vantaxe desta técnica é que detecta virus excretados por persoas asintomáticas, sintomáticas e mal diagnosticadas, sendo de grande utilidade para as autoridades sanitarias unha vez que o virus pode ser detectado en augas residuais antes de que a persoa sexa consciente de estar infectada ou cando a persoa sexa asintomática.