A Xunta e o comité de empresa piden ao Goberno que convoque canto antes a mesa de Alu Ibérica para garantir o futuro industrial da planta da Coruña

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defende que cómpre realizar unha auditoría que confirme que se está cumprindo cos investimentos comprometidos en xullo de 2019 por parte de Alcoa e Parter

Afirma que un prezo eléctrico competitivo será determinante para a continuidade da fábrica

No ámbito laboral, apunta que a Administración autonómica mediará de xeito inmediato para tratar de buscar unha solución entre todas as partes

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

A Xunta e o comité de empresa de Alu Ibérica insistiron esta mañá en solicitar ao Goberno que convoque canto antes a mesa para garantir o futuro industrial da planta coruñesa. Segundo sinalou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, cómpre que entre todas as partes se identifique o grao de cumprimento dos compromisos que se achegaron en xullo de 2019 por parte de Alcoa e Parter.

Neste sentido, defendeu a necesidade de realizar unha auditoría que confirme que os investimentos se están producindo e que os fondos comprometidos se están destinando a garantir a continuidade da fábrica a partir de xullo de 2021, continuando coa produción de aluminio primario e garantindo así a actividade industrial e os postos de traballo.

Conde apuntou que ademais da solución industrial, é preciso abordar co Ministerio de Industria as decisións que poidan garantir que o prezo eléctrico sexa competitivo, xa que este será un elemento determinante para o futuro da planta.

Con respecto ao ámbito laboral, o vicepresidente económico subliñou que hai que intentar atopar unha solución, non só para abordar a situación tras o despedimento dunha traballadora, senón tamén de forma complementaria para que a xestión ordinaria neste eido “sexa a que corresponde”.

Así, a Xunta propón unha mediación por parte da Consellería de Emprego e Igualdade como autoridade laboral, a partir da solicitude que trasladou hoxe o comité de empresa para atopar un punto de encontro entre todas as partes. Segundo subliñou Conde, trátase dun prerrequisito para “seguir avanzando e para seguir traballando nese futuro industrial da planta de Alu Ibérica”.

Imaxes relacionadas