A Xunta apoia o comedor social de Cangas con 185.000 euros para seguir axudando ás persoas que máis o necesitan

Destes fondos procedentes da convocatoria de axudas a entidades sociais, 85.000€ foron destinados á adquisición do local onde se sitúa o comedor social

A conselleira destaca a posta en marcha doutras medidas como a Tarxeta Básica, o reparto de máis de 7.700 menús solidarios en Noiteboa ou o adianto do pago da Risga
 

Cangas (Pontevedra), 28 de decembro de 2020

A Xunta destinou ao comedor social de Cangas 185.000 euros procedentes da convocatoria de axudas de inclusión social a entidades para 2020-2022. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o centro da Asociación de Caridad Santiago Apóstol, onde agradeceu o seu labor a favor das persoas que máis o necesitan.

Así mesmo, a conselleira concretou que dentro desta contía, o Goberno galego destinou 85.000 euros para a adquisición do local onde se sitúa o comedor social. Deste modo, sinalou “poderán centrar os seus esforzos en axudar ás persoas e aos colectivos máis vulnerables da comarca do Morrazo”. O importe restante destinarase ao mantemento do comedor e a futuras obras para acondicionar o garaxe e para construír un almacén.

Apoio aos que máis o precisan

Fabiola García lembrou que a Xunta de Galicia axudou desde o primeiro momento ás persoas que sufriron as consecuencias sociais e económicas da covid-19. Neste sentido, destacou a posta en marcha da Tarxeta Básica, que leva axudando a máis de 28.000 familias galegas desde a súa creación para a compra de produtos básicos como alimentos ou material de farmacia.

Ademais, dentro das medidas impulsadas polo Goberno galego durante estas datas, fixo fincapé no reparto de máis de 7.700 menús solidarios no día de Noiteboa, elaborados con produtos da canle Mercaproximidade por cociñeiros de prestixio nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia e que foron entregados a familias con poucos recursos. Así mesmo, a conselleira tamén se referiu ao adianto do pago da Risga, para que as persoas que peor o están a pasar reciban esta prestación canto antes.
 

Imaxes relacionadas