A Xunta aproba o Decreto para manter o complemento das pensións non contributivas, no que inviste un total de 8 M€

Esta axuda aboarase de oficio nos primeiros dez días de xaneiro e beneficiará a arredor de 38.000 persoas

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

A Xunta aprobou o decreto polo que se establecen as axudas complementarias ás pensións non contributivas da Seguridade Social e doutras prestacións semellantes, nas que inviste un total de 8 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe este complemento que ten carácter voluntario, xa que é impulsado por algunhas Comunidades Autónomas para axudar a aqueles colectivos que máis o precisan.

No caso galego, esta axuda suporá un pago único 206 euros que se aboará nos primeiros dez días de xaneiro a arredor de 38.000 persoas. Entre os perceptores atópanse os pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, persoas anciás e enfermas con incapacidade para o traballo e beneficiarias de axudas periódicas, e as persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.

Este complemento ingresarase de oficio a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos, sen necesidade de solicitala nin levar a cabo ningún trámite adicional.

Imaxes relacionadas