A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal abre a consulta pública do Plan de Investimentos Conxuntos 2021-2027

O obxectivo é recoller achegas de todos os axentes interesados de cara a concreción do documento final

O PIC é un documento que ten como obxectivo anticipar e priorizar iniciativas de proxectos de cooperación transfronteiriza para o próximo período orzamentario comunitario
 

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2020

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal vén de publicar na súa web o documento do Plan de Investimentos Conxuntos 2021-2027 para a súa consulta pública.

Estará accesible ata o 22 de xaneiro para que todos os axentes interesados poidan facer as súas achegas de cara á concreción dun documento final, que será aprobado no próximo plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

O Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) é un documento que ten como obxectivo anticipar e priorizar iniciativas de proxectos de cooperación transfronteiriza para o próximo período orzamentario comunitario 2021-2027.

O PIC busca consolidar a capacidade de resiliencia da Eurorrexión, reforzando a confianza e coa vista posta en estar máis preparados para as distintas transicións que se aveciñan, como a dixital, ecolóxica, enerxética ou demográfica.

Neste marco, o documento establece unha serie de eixes e prioridades como a aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización como instrumentos de creación de emprego de mellor calidade. Tamén pretende reforzar estruturas de investigación e transferencia de coñecemento; mellorar a conectividade das persoas, das mercadorías e dos servizos avanzados; e avanzar nunha estratexia de internacionalización e mellora da competitividade das empresas.

No ámbito do medio ambiente e a enerxía, propón promover a economía circular e o uso sustentable dos recursos naturais. Ademais, tamén inclúe a perspectiva demográfica nas políticas públicas e aposta pola afirmación dos dereitos sociais para limitar a vulnerabilidade e a desigualdade, con enfoque nas cuestións de xénero; ao mesmo tempo que incrementa a resiliencia fronte ás ameazas de saúde pública.

Imaxes relacionadas