Preto de 110 entidades do sector da flor cortada e da planta ornamental recibirán axudas da Xunta por máis de 1,6 M€

Esta liña de achegas temporais e excepcionais foron convocadas pola Consellería do Medio Rural para dar continuidade á actividade empresarial deste sector afectado pola emerxencia sanitaria

En apenas dous meses a Xunta convocou as subvencións e resolveu todas as solicitudes admisibles que cumprían cos requisitos establecidos na orde

Estas achegas dan cumprimento ao Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural fronte aos efectos da covid-19

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2020

A Consellería do Medio Rural vén de aprobar un total de 109 solicitudes ás axudas directas para a continuidade do sector de flor cortada e planta ornamental por un montante que supera os 1,6 millóns de euros. Estas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Esta liña de achegas foi temporal e excepcional, destinada a un dos eidos agrarios máis afectado pola covid-19. Así, no mes de outubro publicouse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria destas axudas directas, onde tamén figuraba unha partida para o sector de vacún de carne, co fin de garantir a continuidade da actividade empresarial destes dous eidos agropecuarios. Así, en apenas dous meses o Goberno galego resolveu estas solicitudes co obxectivo de axilizar os pagamentos o máximo posible, dando así cumprimento ao seu Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural fronte aos efectos da covid-19.

A selección destes sectores fíxose de xeito consensuado cos integrantes do Consello Agrario, no que están representadas as organizacións profesionais agrarias, aos que se lles pediu colaboración para determinar aqueles sectores máis afectados. Así, para seleccionalos tivéronse en conta criterios obxectivos sobre perdas constatables que podían supoñer un risco para a súa continuidade empresarial.

Neste senso, aprobáronse todas as solicitudes admisibles e que cumprían cos requisitos establecidos na orde, beneficiando deste xeito a persoas titulares de explotacións agrarias de flor cortada e de viveiros de planta ornamental; así como as súas asociacións, agrupacións ou organizacións de produtores e a comercializadores deste tipo de produtos. As axudas consisten nun pagamento a tanto alzado, sendo o importe máximo por produtor de 7.000 euros e de 50.000 euros no caso de pemes, aínda que as persoas solicitantes puideron beneficiarse das axudas por produtor e por comercializador se reunían os requisitos para cada unha delas.

Imaxes relacionadas