A Xunta de Galicia realizou esta mañá un simulacro de vacinación da covid nunha residencia da área sanitaria de Santiago

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2020.- A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia realizou hoxe pola mañá, nunha residencia sociosanitaria da área de Santiago, un simulacro da vacinación fronte á covid.

O simulacro empezou coa recepción das vacinas no almacén e, despois, na residencia sociosanitaria. Comprobouse, tamén, o funcionamento do dispositivo do rexistro do control da temperatura de cada dose.

O simulacro consistiu, así mesmo, no proceso de preparación das doses para administrar e o comezo da vacinación dos residentes, unha persoa cada cinco minutos na sala de vacinación.

Vacinación mañá domingo

A Xunta de Galicia iniciará mañá domingo, a campaña de vacinación da covid-19, nunha residencia sociosanitaria da área de Santiago de Compostela.

Trala confirmación ás autoridades sanitarias galegas, por parte do Ministerio de Sanidade, do envío inicial de 500 doses, a Xunta vese obrigada a variar o plan inicial previsto, no que se contemplaba a vacinación simultánea en residencias das sete áreas sanitarias da comunidade.

A segunda entrega de doses para Galicia chegará o luns, cunha cantidade aproximada de 18.000 novas doses. Con todo, estas doses non poderán empregarse até a xornada do martes, debido aos prazos que precisa a vacina para desconxelarse, e así poder subministrala. 

Imaxes relacionadas