A Xunta mellorará no 2021 as bases aéreas de loita contra os incendios forestais para acadar unha maior eficacia e organización do servizo

O director xeral de Defensa do Monte está a visitar as distintas bases da Consellería do Medio Rural despregadas por todo o territorio galego para planificar estas actuacións

Investiranse 15 millóns de euros nas instalacións, no equipamento e no parque móbil do Servizo, así como na construción dun Centro integral para a loita contra o lume que se localizará en Toén, converténdose nun referente europeo
 

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2020

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, está a realizar unha rolda de visitas polas distintas bases aéreas da Xunta despregadas por toda a xeografía galega das que dispón a Xunta para a loita contra os incendios forestais, co fin de planificar o programa de adecuación e mellora destas instalacións.

Deste xeito, búscase potenciar a eficacia e organización do servizo para que repercuta, entre outras cuestións, nunha mellora dos tempos de reacción fronte os lumes, así como nunha optimización dos recursos existentes que, finalmente, derive nunha mellora global da atención no medio rural.

Neste contexto, o departamento que dirixe José González vai potenciar as infraestruturas defensivas e os plans de distrito, aplicando tamén -no que atinxe especificamente á extinción- as últimas tecnoloxías na materia. Entre elas, contémplanse sistemas de detección e avaliación de incendios dende medios aéreos, así como novas tecnoloxías de vixilancia e a utilización de operativos dixitais de radiocomunicación. Todo isto, continuando cos plans de formación e posta ao día específicos para o persoal do dispositivo.

Cómpre salientar que a Xunta investirá 15 millóns de euros nesta mellora das instalacións, do equipamento e do parque móbil a disposición do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, así como na construción dun Centro integral para a loita contra o lume. Este centro construirase nas dependencias do antigo hospital do municipio ourensán de Toén e localizarase nesa provincia por ser a máis afectada polos incendios.

Deste xeito, este verdadeiro “campus forestal” será un proxecto pioneiro a nivel europeo, que terá por obxectivo centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra o lume. Nel levaranse tamén a cabo actuacións de cooperación, investigación e formación continua das que se poderán beneficiar bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural