A Xunta colabora coa Unión de Consumidores de Galicia no sorteo de regalos para menores en centros de acollida

Está dirixido a nenas e nenos menores de 12 anos de toda Galicia e, en especial, a aqueles que se atopan nun centro de menores

Os participantes deberán realizar un debuxo no que plasmen os seus desexos para o ano 2021 e publicalo nas redes de UCGAL

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2020

A Xunta colabora coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) no sorteo de dúas tarxetas regalo para a compra de xoguetes e material escolar destinado a nenas e nenos de toda a Comunidade menores de 12 anos e, en especial, ás rapazas e rapaces que se encontran en centros de menores. Os participantes deberán realizar un debuxo no que plasmen os seus desexos para o ano 2021 e publicalo nas redes de UCGAL.

O sorteo Tu deseo para 2021 iniciou o período de participación o pasado 15 de decembro e finalizará o próximo día 6 de xaneiro. Establécense dúas categorías: unha primeira destinada a nenas e nenos de ata 12 anos de toda Galicia, que optarán a unha tarxeta regalo de 100€; e unha segunda dirixida especificamente ás nenas e nenos menores de 12 anos que se atopan en centros de acollida ou de protección de menores, dotada cunha tarxeta regalo de 500€.

No primeiro caso, os interesados deberán publicar comentarios das publicacións de Facebook de UCGAL sobre o sorteo os seus debuxos, ademais de darlle ‘gústame’ á súa páxina na rede social. As publicacións deberán realizarse a través das contas dos seus pais ou representantes legais e para identificalos será suficiente con concretar o nome de pila do menor. Tan só se aceptará unha publicación por nena ou neno.

No caso dos nenos en centro de menores, as publicacións no Facebook de UCGAL realizaranse desde as contas do centro e tamén se aceptará a participación a través do correo electrónico no caso de que o centro non dispoña de conta na rede social. O sorteo celebrarase o próximo oito de xaneiro.