A Xunta e o Parlamento de Galicia entregan a familias ourensás case 400 menús solidarios elaborados con produtos de Mercaproximidade para a cea de Noiteboa

En toda Galicia, máis de 7.700 familias vulnerables recibirán hoxe estes menús solidarios grazas á colaboración institucional

Os menús, elaborados por cociñeiros galegos de prestixio nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, constan de estufado de Ternera Gallega con fabas e grelos e, de sobremesa, iogur galego con mel

Ourense, 24 de decembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu esta mañá á entrega dos menús solidarios de Nadal elaborados ao abeiro da canle Mercaproximidade a Cáritas Diocesana de Ourense.

Neste centro entregáronse arredor de 350 menús que, unidos aos máis de 40 distribuídos entre os usuarios do Comedor Social O Viso II, situado no concello de Sarreaus, suman preto de 400 para entidades da provincia ourensá. Este reparto realizouse tendo en conta o número de persoas usuarias comunicado previamente por cada entidade.

Todos estes menús foron elaborados con produtos da canle Mercaproximidade por cociñeiras e cociñeiros galegos de prestixio nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, en coordinación coa ONG World Central Kitchen. En total, esta Noiteboa máis de 7.700 familias galegas en situación de vulnerabilidade beneficiaranse destes menús solidarios, nunha iniciativa que é posible grazas a un convenio de cooperación institucional entre a Xunta e o Parlamento de Galicia.

Desta forma, os usuarios de diversas entidades sociais (comedores e cociñas económicas) terán acceso a estes menús, elaborados con alimentos de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros ou industrias de transformación de Galicia mediante a rede alternativa Mercaproximidade. O menú componse de estufado de Ternera Gallega con fabas e grelos e, de sobremesa, iogur galego con mel do selo de calidade IXP Mel de Galicia.

Esta iniciativa solidaria contou cun orzamento total de 65.000 euros, que son financiados pola Vicepresidencia primeira, pola Consellería do Medio Rural e polo Parlamento de Galicia. O acordo súmase á colaboración asinada o pasado día 27 de novembro entre o Goberno galego e a Cámara autonómica para reforzar a actividade solidaria da canle Mercaproximidade na provisión de alimentos aos colectivos máis necesitados a raíz da covid-19, uns alimentos que se están a entregar tamén a diversas entidades sociais.

Saída aos produtos do agro

Cómpre lembrar que Mercaproximidade foi creada pola Xunta durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19. Así, dende a súa creación, adheríronse a ela máis de 450 industrias transformadoras e produtores, en calidade de provedores.

Ademais, seguindo esta labor solidaria, a propia Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios -como queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro e patacas- a diversas entidades sociais, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante a emerxencia sanitaria. Tamén entregou alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural