Deporte Galego traballa no proxecto Ecodestin para afianzar a Galicia como potencia do turismo deportivo náutico e acadar novas oportunidades para os deportistas de elite universitarios

Lete Lasa destaca como a auga “vai no código xenético dos galegos e o deporte galego bebe desta tradición, polo que contamos coas mellores instalacións e os mellores deportistas”

Destaca outras accións da Xunta como o Congreso Ibérico de Turismo Deportivo e o novo decreto de alto nivel que contará coa Oficina de Atención ao Deportista

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou virtualmente na mesa redonda de presentación do manual de boas prácticas Ecodestin para posicionar á Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal como espazo preferente para deportistas de elite universitarios en deportes náuticos. Este proxecto financiado con fondos europeos ten como principal obxectivo “incrementar a atracción do territorio a través do fomento e do desenvolvemento do patrimonio natural e cultural vinculado ás rías, ríos e costa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. Ademais, dixo o mandatario galego, “tamén pretende posicionar á rexión como destino educativo e universitario náutico internacional a través de ofertas náuticas de excelencia que integren o patrimonio natural e cultural da rexión”. Lete Lasa destacou como a auga “vai no código xenético dos galegos e o deporte galego bebe desta tradición, polo que contamos coas mellores instalacións e os mellores deportistas”.

Na súa intervención gabou o traballo da Fundación Deporte Galego que leva a cabo varias actuacións que promoven o desenvolvemento do deporte e da educación como factores para enxalzar o territorio galego como destino deportivo. Por unha banda, o desenvolvemento de catro modelos educativos (un deles en colaboración co CIM-Alto Minho) para a súa aplicación tanto no ámbito escolar como en períodos vacacionais, tanto para familias como grupos de amigos que queiran gozar do noso patrimonio cultural e natural a través dos deportes náuticos. Pola outra, un gran traballo de análise da oferta deportiva, de instalacións, de servizos, que ofrece o marco da Eurorrexión, así como das titulacións universitarias existentes para crear un plan que nos posicione como espazo preferente para deportistas de elite universitarios.

Ao fío destas ideas destacou outras actuacións da Xunta de Galicia como a posta en marcha do Congreso Ibérico de Turismo Deportivo levado a cabo en Expourense os pasados 16 e 17 de decembro; ou o novo decreto de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia, publicado polo DOG o pasado 29 de setembro, que inclúe, entre outras moitas vantaxes, a Oficina de Atención ao Deportista que ten por obxectivo ofrecer asesoramento sobre recursos e servizos para o desenvolvemento integral do deportista, durante e despois da carreira deportiva (formación, inserción laboral, conciliación laboral-deportiva e académico-deportiva...)

Imaxes relacionadas