A Xunta continuará a reforzar a capacidade asistencial do Hospital do Barco de Valdeorras con novas obras

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia

Os Orzamentos da Xunta contemplan unha partida de 2,4 millóns de euros para o Hospital Público de Valdeorras

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliñou hoxe no Parlamento de Galicia, que a Xunta de Galicia continuará apostando polo reforzamento da capacidade asistencial do Hospital Público de Valdeorras, así como nos restantes hospitais comarcais galegos.

En resposta a unha das preguntas dos grupos da Cámara, referida ao Hospital Público de Valdeorras, o responsable de Sanidade incidiu en que na actualidade “xa foron adxudicadas as obras das consultas externas” deste centro hospitalario e que, ademais, “están a piques de licitarse as actuacións en Cirurxía Maior Ambulatoria, Hospital de Día e Farmacia”.

O conselleiro de Sanidade incidiu en que nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano que vén, “hai máis de 6 millóns de euros consignados para ampliar os hospitais comarcais, dos cales 2,4 son para o Hospital de Valdeorras”.

Así mesmo, informou que o departamento sanitario vai pór en marcha, nesta lexislatura, un paquete de medidas para incentivar a práctica clínica nos hospitais comarcais e, deste xeito, asegurar a súa viabilidade.

García Comesaña remarcou que, nos vindeiros días, o Diario Oficial de Galicia publicará a oferta de contratos de longa duración a especialistas de Radioloxía e Traumatoloxía para o Hospital de Valdeorras, ata que se resolva a oferta pública de emprego en curso.

Finalmente, o conselleiro enumerou as sucesivas melloras que nos últimos anos artellou o Servizo Galego de Saúde no Hospital de Valdeorras, entre as que citou a incorporación de Neuroloxía, Cardioloxía e Oncoloxía Médica; as consultas e probas de Endocrinoloxía e Dixestivo; o reforzamento de Reumatoloxía e incorporación da Hospitalización a Domicilio; e máis recentemente, Pediatría e Rehabilitación.

Imaxes relacionadas