A conselleira de Política Social respondeu hoxe no Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre a situación do centro de menores de Santo Anxo de Rábade

Fabiola García destaca o reforzo de equipamento e persoal nos centros de menores durante a emerxencia sanitaria da covid-19

Salienta que no centro lucense incorporáronse ao cadro de persoal un psicólogo, un traballador social, novos educadores e persoal de seguridade

O Goberno galego traballa na actualización permanente de itinerarios educativos e de integración social para as rapazas e rapaces usuarios das instalacións situadas en Lugo

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou o reforzo que realizou a Xunta de Galicia nos centros de menores durante a emerxencia sanitaria da covid-19, aos que se achegou equipamento tecnolóxico e dotación de persoal nos casos nos que foi necesario. Fíxoo esta tarde na resposta a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia.

En concreto, Fabiola García explicou que no centro de menores de Santo Anxo de Rábade incorporáronse ao cadro de persoal un psicólogo, un traballador social, novos educadores e persoal de seguridade. Ademais, sinalou que o Goberno galego traballa na actualización permanente de itinerarios educativos e de integración social para as rapazas e rapaces do centro.

O obxectivo das melloras nos centros de menores, matizou a conselleira de Política Social na súa intervención, é dobre. Por unha banda, búscase conseguir que a estadía das mozas e mozos sirva para mellorar as súas oportunidades e, por outra, darlle aos profesionais as ferramentas que precisan para lograr esta meta.

Nesta liña, recordou a aposta da Xunta de Galicia polo acondicionamento continuo do Santo Anxo de Rábade, no que nos últimos dous anos o Goberno galego investiu máis de 300.000 euros en obras.

Agradecemento aos profesionais

Fabiola García reiterou o seu agradecemento a todos os profesionais que traballan nestes centros, “por afrontar cunha gran profesionalidade un ano que xa sabemos que non foi para nada doado”, apuntou.

Ademais, sinalou que o seu traballo é fundamental para o benestar e desenvolvemento dos menores destes centros; por iso, manifestou que a Xunta de Galicia está sempre aberta a escoitar a estes profesionais e moi atenta ás propostas de mellora que trasladan.

Imaxes relacionadas