O conselleiro do Medio Rural respondeu no Parlamento dúas preguntas relacionadas coa actividade do seu departamento

A Xunta chama aos grupos parlamentarios a consensuar unha postura conxunta en defensa de Galicia nas negociacións da PAC

José González amosou a preocupación de toda a Cornixa cantábrica pola orientación “mediterránea” que proclama o Goberno central, sen ter en conta as particularidades das explotacións en territorios coma o galego

En resposta a outra pregunta, o conselleiro avanzou que a Xunta vai habilitar proximamente unha nova vía, a través do teléfono 012, para tramitar as cortas de madeira de uso doméstico, un servizo que se suma ao telemático xa en vigor

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo esta tarde un ofrecemento a todos os grupos parlamentarios para consensuar un documento conxunto que teña o respaldo unánime da Cámara e que sirva de apoio á posición de Galicia -aliñada co resto de comunidades da Cornixa cantábrica- sobre a futura PAC. González fixo esta chamada ao consenso na resposta a unha pregunta no pleno sobre esta cuestión.

O titular de Medio Rural amosou a súa preocupación pola actitude do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), que non está a ter en conta ás comunidades autónomas á hora de elaborar o Plan Estratéxico nacional da PAC, especialmente no que atinxe ao reparto dos fondos do primeiro piar (as axudas directas). Neste sentido, González lamentou que as declaracións do propio ministro e o pouco que se coñece da documentación que manexa Madrid apuntan cara unha PAC “claramente mediterránea”, que non tería en conta as particularidades dos territorios e das explotacións da Cornixa cantábrica. Engadiu que esta preocupación é compartida polas demais comunidades (Asturias, Cantabria e País Vasco), así como polas organizacións profesionais agrarias consultadas.

Datos preocupantes

O conselleiro sinalou tamén que “os primeiros datos que veñen da negociación europea, máis alá das cantidades, son tamén preocupantes para as nosas explotacións”. Puxo como exemplo a demanda de Galicia para que se manteña nos 60.000 euros o límite das axudas percibidas por cada explotación e que os importes detraídos se acumulen aos pagos redistributivos. Todo isto cunha aplicación obrigatoria, establecéndose ademais a obriga de dedicar a esta finalidade unha porcentaxe mínima dos fondos para axudas do primeiro piar. Galicia reclama tamén que se destine aos ecoesquemas (liñas de axudas de carácter ambiental) un 20% do montante dispoñible para pagos directos. En relación con esta cuestión, González manifestou que se percibe “certo criterio partidista” por parte do Goberno central, xa que os ecoesquemas propostos polo Mapa “están centrados nas características principalmente do centro e sur peninsular”.

O conselleiro explicou, así mesmo, que a Xunta defende, como principios básicos da futura PAC, unha maior equidade na repartición dos fondos e o apoio preferente á renda de pequenos e medianos agricultores e gandeiros profesionais, especialmente daqueles con elevada dependencia dos ingresos agrarios. Nesta liña, González lembrou que a principal prioridade da Xunta é a defensa dos intereses de Galicia, uns intereses que -matizou- “non se axustan aos doutras comunidades autónomas”. Por iso reclamou que se teñan en conta “todas as particularidades” de Galicia, co fin de acadar un reparto de fondos “axeitado”. Neste mesmo sentido, esixiu de novo ao Goberno central -como o xa o vén facendo a Xunta- que sexa “belixerante” para evitar que os recortes nos fondos da PAC para o próximo período “afecten a Galicia e ás nosas especificidades”.

O conselleiro salientou que as comunidades da Cornixa cantábrica teñen unha posición compartida a este respecto, que pivota sobre a necesidade de defender as peculiaridades “da España con maior humidade e humildade”, remarcou González. En relación co deseño da futura PAC, José González lembrou que Galicia defende que sexa “forte e que estea ben dotada de orzamento, o que implica polo menos manter o presuposto actual”. Sobre a figura do “agricultor xenuíno”, matizou que Galicia apoia a proposta do Ministerio de definila en base a unha porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os totais, pero a nosa comunidade considera que esta debe ser unha definición “esixente”, polo que se propuxo que a porcentaxe se sitúe, cando menos, no 30%.

Ademais, Galicia avoga porque se inclúan tamén no concepto as persoas afiliadas á Seguridade Social como traballadores por conta allea no sector agrario, malia que non acaden a devandita porcentaxe mínima. Outras demandas de Galicia, tal e como explicou o conselleiro, pasan porque permanezan as axudas asociadas a sectores como os de vacún de leite, vacún de carne e ovino-cabrún, cunha dotación semellante, cando menos, ao período 2014-2020.

Vía telefónica para as cortas

Por outra banda, o conselleiro anunciou, en resposta a outra pregunta, que a Xunta vai habilitar proximamente unha nova vía, a través do teléfono 012, para tramitar as cortas de madeira de uso doméstico. Este servizo telefónico engádese ao procedemento telemático en vigor, que permite realizar esta tramitación de xeito dixital.

No caso de optar pola opción telefónica, o procedemento para o cidadán será sinxelo e semellante ao de solicitar permiso para facer unha queima de restos agrícolas ou forestais amoreados, segundo explicou González. En todo caso, o titular de Medio Rural enmarcou a prestación on line deste servizo no camiño da transformación dixital que, insistiu, “non ten marcha atrás”, porque -engadiu- “é unha demanda fundamental, necesaria e simplificadora”.

Imaxes relacionadas