A Central de Coordinación do 061 de Galicia reforza o seu persoal un ano máis ante o incremento da demanda sanitaria no Nadal

O persoal facultativo, locutor e teleoperador aumentará durante as datas de maior actividade co obxectivo de axilizar as consultas médicas e optimizar a xestión dos recursos

O pasado Nadal, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu 23.324 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 21.423 procesos asistenciais

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza, un ano máis, o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias que se produzan na Comunidade Autónoma galega sexa axeitada durante as datas de Nadal.

Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza o servizo habitual segundo as análises de incremento de chamadas nestas datas para axilizar a consulta médica e optimizar a xestión dos recursos co fin de dispoñer dos medios máis axeitados para a atención das emerxencias que puideran xurdir.

Isto supón que estes vindeiros días haberá un facultativo máis nas quendas de noite (de 22 a 8 horas) as noites do 24, 31 de decembro e 5 de xaneiro, así como na quenda de mañá do día 25 e do primeiro día do ano. Respecto ao persoal de xestión telefónica, o servizo reforzarase cun locutor máis respecto ao resto dos días da semana e ata dous teleoperadores máis nas quendas de noite nos días 24, 25 de decembro e 1, 5 e 6 xaneiro de 2021. Reforzaranse tamén, as quendas de día das xornadas do 25 de decembro e do 1 de xaneiro cun teleoperador máis.

Nadal 2019-2020

O pasado Nadal -desde o 24 de decembro de 2019 ata o 6 de xaneiro de 2020-, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu un total de 23.324 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 21.423 procesos asistenciais, dos que 2.625 foron orixinados directamente por peticións de Atención Primaria.

Dos 21.423 procesos asistenciais xerados polo 061, o 41% resolvéronse sen mobilización de recursos e o 59% restante precisaron da mobilización dalgún recurso (visita domiciliara de médico ou enfermeiro de Atención Primaria, transporte urxente e/ou emerxencias). Dos procesos asistenciais nos que a Central de Coordinación estimou necesario a mobilización dalgún recurso, nun 56% tratouse de emerxencias sanitarias, no 33% de transporte urxente e un 11% resolveuse con visitas domiciliarias. En total, mobilizáronse 15.918 recursos.

Para a resolución das emerxencias sanitarias citadas anteriormente mobilizouse o helicóptero medicalizado en 17 ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado acudiron a 900 sinistros, as ambulancias asistenciais a 6.461 e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico prestaron asistencia sanitaria en 1.021 ocasións. En 243 sinistros asistiron ambulancias convencionais.

Neste período, os accidentes de tráfico e as intoxicacións foron os principais motivos de demanda sanitaria na Central de Coordinación. Así, no Nadal pasado o 061 de Galicia recibiu 312 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 248 asistencias, nas que atenderon a 324 persoas, das que catro faleceron no punto do incidente.

No caso das intoxicacións, entre o 24 de decembro de 2019 e o 6 de xaneiro de 2020, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon a 466 persoas, das que 403 foron asistidas por intoxicacións por alcohol e 63 por consumo de drogas.

Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.