A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salienta no Parlamento que as autoestradas da Xunta continuarán o vindeiro ano entre as máis baratas de España

Ethel Vázquez destaca que a Xunta baixará en 2021 as prezos en varios treitos das autoestradas autonómicas mentres que a AP-9 será a única de España onde suban as peaxes

Lamenta que os galegos sigan sen saber cando se activarán as bonificacións na AP-9 anunciadas nos Presupostos

Vázquez Mourelle explica que as peaxes da AG-57 baixarán 5 céntimos no treito A Ramallosa- Baiona para os vehículos lixeiros e manteranse igual no resto

Os vehículos pesados de tipo 1 pagarán 5 céntimos menos nos treitos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona e os de tipo 2, en 7 dos 11 treitos da autoestrada

Na AG-55, a peaxe no treito Paiosaco-A Laracha baixará 5 céntimos para vehículos pesados de tipo 1 e outros 5 céntimos en 5 dos 11 treitos para pesados de tipo 2

Avanza que nas autoestradas autonómicas se sumarán, ás bonificacións por recorrencia e ás activadas en horario nocturno, as dirixidas ás familias numerosas

Resalta a execución por parte da Xunta de autovías libres de peaxe como a autovía do Morrazo; o avance na conversión en autovía da VAP Nadela e Sarria, cuxas obras comezaron; ou a VAP Tui-A Guarda, onde axiña se iniciará un tramo

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta baixará en 2021 as peaxes en varios treitos das autoestradas autonómicas, mentres que o Goberno de España segue sen concretar as bonificacións que aplicará na AP-9 e esta será, con toda probabilidade, a única autoestrada de España na que suban as peaxes.

Vázquez Mourelle indicou que a partir do vindeiro 1 de xaneiro se reducirá o custo das peaxes da autoestrada Vigo-Baiona (AG-57) en 5 céntimos no treito A Ramallosa- Baiona para os vehículos lixeiros e se manterá como ata hoxe o resto da infraestrutura.

Precisou que no caso dos vehículos pesados de tipo 1, se aplicará unha rebaixa de 5 céntimos nos treitos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona e os vehículos pesados de tipo 2, pagarán 5 céntimos menos en 7 dos 11 centros da autoestrada.

No que atinxe á autoestrada A Coruña- Carballo (AG-55), sinalou que os prezos non experimentarán variacións en ningún treito para os vehículos lixeiros, pero os pesados de tipo 1 pagarán 5 céntimos menos no treito Paiosaco-A Laracha.

Apuntou que tamén se reducirán 5 céntimos os prezos de 5 dos 11 treitos da autoestrada para os vehículos pesados de tipo 2 e no resto de tramos o custo se manterá inalterado.

Fronte a esta claridade na acción do Goberno Galego, Ethel Vázquez lamentou que o Executivo central continúe sen aclarar as súas previsións con respecto ás peaxes das autoestradas da súa titularidade, a AP-53, e a AP-9.

Reiterou que a piques de comezar o 2021, os galegos seguen sen saber cando, durante canto tempo e para que usuarios se van aplicar as bonificacións anunciadas nas peaxes da AP-9. Engadiu que tampouco hai coñecemento de se esta vía vai ser o 1 de xaneiro a única autoestrada do Estado na que soben as peaxes.

Ante esta falta de avances, fixo fincapé en que a Xunta seguirá reclamando ao Goberno central a aplicación inmediata das bonificacións recollidas nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021 e a supresión da peaxe pendente en Redondela.

Bonificacións nas autoestradas da Xunta

A conselleira lembrou que o Goberno galego continúa afondando na liña seguida nos últimos exercicios de bonificacións nas peaxes das autoestradas. Así, beneficiaranse de novos descontos as familias numerosas, que se sumarán aos incentivos que se están a aplicar.

Recordou que a Xunta vén aplicando desde 20210 bonificacións de peaxe para usuarios frecuentes, tanto no caso de que realicen a viaxe de ida e volta no mesmo día, como que o fagan en horario nocturno.

A este respecto, os usuarios habituais da AG-55 e AG-57, bonificaban nun 25 por cento o importe da viaxe de vota realizado no mesmo día que a ida; e o 50 por cento da segunda viaxe de vota e posteriores sempre que estes se fagan tamén no mesmo día.

Fixo fincapé en que desde o 1 de outubro de 2019 tamén se están a achegar bonificacións do 50% nas peaxes en horario nocturno, entre as 12 da noite e as 6 da mañá.

Salientou que todas estas medidas tomadas pola Xunta supoñen que estas autoestradas autonómicas continuarán a estar tamén en 2021 entre as máis baratas de toda España.

Autovías libres de peaxe

Ethel Vázquez tamén resaltou a execución de novos treitos de autovías libres de peaxe para que a vertebración do territorio non leve aparelladas cargas á economía das familias.

Así, referiuse á autovía do Morrazo, que representa o maior investimento feito en estradas dos últimos anos; á primeira fase da autovía Nadela–Sarria, cuxas obras veñen de comezar; á Vía Ártabra, en execución; ou á VAP Tui–A Guarda, onde axiña se iniciará un tramo.

Tamén destacou o impulso da autovía Santiago-A Estrada ou a Vía de Altas Prestacións da Costa da Morte, nunha primeira fase entre Baio e Berdoias, nas que a Xunta seguirá avanzando o vindeiro ano.

Imaxes relacionadas