Galicia advirte de que o recorte das cotas de pesca fixado en Bruxelas para 2021 terá un impacto de arredor de 26 M€ na economía da comunidade

Feijóo explica que a frota galega perde un 7,6% de cota en augas do Cantábrico-Noroeste con respecto ao ano 2020

Asevera que “non entendemos esta situación, nos parece que é un grave erro” e engade que acreditamos informes biolóxicos onde se garante a viabilidade de manter as cotas do ano 2020

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

Logo de analizar no Consello da Xunta o informe sobre o impacto dos recortes nas cotas de pesca fixadas en Bruxelas para 2021, Feijóo subliñou hoxe que a rebaixa das posibilidades de pesca suporá un impacto duns 26 millóns de euros para a economía galega.

O Consello de Ministros de Pesca da UE aprobou a semana pasada recortes nos coñecidos como Totais Admisibles de Captura (TAC) para augas do Cantábrico-Noroeste e, segundo incidiu o presidente da Xunta, a frota galega perde un 7,6% de cota con respecto ao ano 2020”.

Feijóo precisou que a frota galega é a “máis castigada” das que faenan con Cantábrico-Noroeste ao sufrir unha perda de 11M€ de euros de xeito directo e o 63% das capturas.

O documento subliña ademais que o segmento máis afectado polo acordo de Bruxelas é o arrastre de litoral, que perdería no caso de Galicia uns ingresos de preto de 7,5 millóns de euros, seguido das artes menores, cunha incidencia de máis de 3M€.

Á marxe das repercusións directas das reducións de cotas, Feijóo referiuse tamén ás consecuencias que xeran sobre os salarios dos traballadores do sector, e sobre os sectores indirectos no conxunto da economía. Non en van, uns 2.300 tripulantes da frota galega do Cantábrico-Noroeste verían reducido o seu soldo, perdendo 1.700€ ao ano, uns 4M€ en total.

O presidente da Xunta aseverou que “non entendemos esta situación, parécenos que é un grave erro” e engadiu que a comunidade aportou distintos informes nos que se garante a viabilidade de manter as cotas do ano 2020. Ademais Feijóo tamén fixo fincapé “na dúbida enorme e na preocupación manifesta” do brexit.

Imaxes relacionadas