O Sergas convoca a II Edición dos Premios de Innovación en Saúde para incentivar as ideas neste campo dos profesionais sanitarios e das asociacións de pacientes

O Diario Oficial de Galicia de hoxe publica as bases reguladoras desta II Edición

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente do Servizo Galego de Saúde, vén de convocar, no Diario Oficial de Galicia de hoxe, a II Edición dos Premios de Innovación en Saúde.

O obxectivo destes galardóns é o de incentivar as ideas innovadoras nas que traballan os profesionais sanitarios, no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2020, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sostibilidade do sistema sanitario público galego. O mesmo sucede coas propostas achegadas por persoas físicas
(pacientes, coidadores, etc), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A Axencia de Coñecemento en Saúde destaca a importancia estratéxica que ten para o Sergas a innovación sanitaria, coa introdución de novos servizos, de cambios organizativos e de novos produtos tecnolóxicos asociados a servizos.

Compre remarcar neste campo, a Plataforma de Innovación, iniciativa que pon a disposición dos profesionais unha ferramenta que permite que os profesionais podan participar na implantación de melloras que contribúan a facer que os servizos prestados sexan máis eficaces e eficientes. Dito doutro xeito, trátase de innovación centrada no paciente.

A Plataforma de Innovación está baseada nun modelo se innovación aberta, que é un compoñente fundamental do Sistema Europeo de innovación. Fundaméntase no chamado modelo de Cuádrupla Hélice, onde as administracións públicas, a industria, a Universidade e os usuarios traballan xuntos para impulsar cambios estruturais máis aló do alcance do que calquera organización ou persoa podería facer unilateralmente.

Imaxes relacionadas