A Xunta repartirá 1.200 menús con produtos de Mercaproximidade na delegación do banco de alimentos de Pontevedra e no comedor social de San Francisco para esta Noiteboa

Luisa Piñeiro realiza senllas visitas a ambas entidades e agradece o seu “enorme traballo solidario e altruísta” a prol da xente máis necesitada da cidade e da súa contorna

A entrega destes preparados, que xurde dun convenio entre a Vicepresidencia Primeira, a Consellería do Medio Rural e o Parlamento de Galicia, tamén chegará a colectivos de Marín e Vilalonga para as bisbarras do Morrazo e o Salnés

Pontevedra, 23 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia vai repartir un total de 1.200 menús na delegación de Pontevedra da Fundación Provincial Banco de Alimentos e no Comedor Social de San Francisco para a cea de Noiteboa de persoas da capital provincial e da súa contorna que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Esta iniciativa xurde dun convenio entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería do Medio Rural e o Parlamento de Galicia co obxectivo de contribuír a que as persoas máis necesitadas poidan celebrar axeitadamente unha das datas máis sinaladas das Festas do Nadal e que, no actual contexto da crise sanitaria, atópanse nunha situación máis complexa polos efectos socioeconómicos da pandemia. Así, os beneficiarios poderán degustar un menú que se compón de estufado de Ternera Gallega galega con fabas e grelos e, de sobremesa, iogur galego con mel do selo de calidade IXP Mel de Galicia.

Así, dito menú está elaborado con alimentos de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros ou industrias de transformación de Galicia mediante a rede alternativa Mercaproximidade. Unha canle posta en marcha pola Xunta durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19.

Por este motivo, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, cursou esta mañá senllas visitas a ambas institucións para coñecer o seu funcionamento e agradecerlles o seu “enorme traballo solidario e altruísta a prol do benestar xeral da sociedade e, en especial, da xente máis necesitada”.

En primeiro lugar, a representante autonómica achegouse ata a delegación do Banco de Alimentos en Pontevedra, onde estivo a departir co seu director, José Luis Doval, e cos voluntarios que traballan arreo nestas datas. Esta entidade recibirá, para a súa posterior distribución, un milleiro de menús da Xunta de Galicia, unha circunstancia que foi agradecida á delegada territorial por parte do seu responsable.

Posteriormente, a delegada territorial desprazouse ata o Comedor Social de Pontevedra, emprazado no convento de San Francisco, onde estivo co seu responsable, o Padre Gonzalo Diéguez, comprobando os traballos rutinarios de cada xornada e os preparativos para Noiteboa, na que repartirán 200 menús facilitados pola Xunta.

“É digno de eloxio e admiración o traballo que fan estas dúas entidades de Pontevedra todos os días do ano e como o intensifican, sacrificando moito tempo coas súas familias, para axudar a quen máis o necesita nestas datas tan especiais, polo que, aparte do noso aplauso, tamén merecen o apoio que lle brindamos dende a Xunta de Galicia”, destacou Luisa Piñeiro, que engadiu que outras dúas asociacións de Marín e Vilalonga tamén recibirán, ao abeiro do citado acordo do Goberno galego, senllos lotes de 80 e 40 menús para Noiteboa, respectivamente.

Imaxes relacionadas