A Xunta licita por 328.000 euros as obras de acondicionamento e rehabilitación da ponte de pedra sobre o Río Grande en Baio, no Concello de Zas

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio da contratación desta actuación, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o 27 de xaneiro

Trátase de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras do río

Os traballos, que terán un prazo de execución de catro meses, consistirán nunha ampliación da ponte para reordenar o tráfico rodado e peonil

A intervención tamén porá en valor a propia estrutura da ponte e adecuará o entorno, tanto as beirarrúas, as marxes do río como os treitos de acceso á ponte, mellorando a accesibilidade peonil

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar o contrato para executar as obras de acondicionamento e rehabilitación da ponte de pedra sobre o río Grande ao seu paso por Baio, no concello de Zas.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio da licitación desta actuación na estrada AC-552, do punto quilométrico 2+100 ao 3+000, por un importe de preto de 328.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 27 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Trátase de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte da estrada autonómica AC-552, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras do río Grande. Ademais, a intervención porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna, tanto as beirarrúas, as marxes do río como os treitos de acceso á ponte.

Esta actuación, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, terá un prazo de execución de 4 meses

Os traballos centraranse na ampliación da sección transversal da ponte mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.

Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3,00 m de ancho, beiravías de 0,25 m ou beirarrúas de 2,10 m de anchura.

O proxecto inclúe a disposición de pavimentos diferenciados para a zona de vehículos e para as beirarrúas no tramo sobre a ponte fronte aos utilizados fóra da zona da citada infraestrutura.