Gonzalo Trenor e Carlos Calvelo visitaron esta mañá a zona na que se levará a a cabo esta actuación

A Xunta licita as obras de seguridade viaria nun treito de concentración de accidentes na estrada AC-552 en Arteixo por importe de 1,9 millóns de euros

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 27 de xaneiro para presentar as súas ofertas

Actuarase no treito comprendido entre a rotonda de enlace coa autoestrada AG-55 e a vía de acceso á presa de Meicende, executando dúas glorietas para incrementar a seguridade nos xiros

Construirase unha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e desde a estación de servizo

Completarase e mellorarase a saída da vía de servizo existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55

Arteixo (A Coruña), 23 de decembro de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, visitou esta mañá a zona na que se van levar a cabo as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada autonómica AC-552, ao seu paso por este concello.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou hoxe a licitación desta actuación por importe de 1,9 millóns de euros e cun prazo de execución de 12 meses. As empresas que o desexen teñen ata o vindeiro día 27 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Trenor lembrou que o pasado luns publicouse no DOG a declaración da utilidade pública para dispoñer a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes desta estrada autonómica.

O orzamento global estimado polo Goberno galego para este proxecto ascende a máis de 2 millóns de euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións dos 9 predios necesarios para executar esta actuación.

A intervención enmárcase na estratexia do Goberno galego para a eliminación de treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica. Os traballos nesta estrada autonómica comprenden o tramo da vía desde o punto quilométrico 2+100, despois da glorieta de enlace coa autoestrada AG-55, ata a vía de acceso á presa de Meicende, no punto quilométrico 3.
A estrada AC-552 ten un tráfico elevado e percorre unha zona industrial, con numerosas naves, unha estación de servizo e canteiras. Para mellorar a seguridade do tramo prevese a execución de dúas glorietas nos puntos quilométricos 2+500 e 2+890, nas que se realizarán os xiros. A segunda glorieta servirá, ademais, para calmar o tráfico en sentido A Coruña, tras o tramo de forte pendente descendente anterior.

O proxecto tamén contempla a execución dunha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e a estación de servizo existente.

Ademais completarase e mellorarase a saída da vía de servizo actualmente existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55.

Os traballos inclúen a sinalización, drenaxe, iluminación e a reposición dos servizos afectados.

Imaxes relacionadas