Máis de 7.700 familias vulnerables recibirán esta Noiteboa menús solidarios con produtos de Mercaproximidade da man da Xunta e do Parlamento de Galicia

Cociñeiros galegos de prestixio están a elaborar, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, un menú que se compón de estufado de Ternera Gallega con fabas e grelos e, de sobremesa, iogur galego con mel

Estes menús serán entregados mañá a diferentes entidades solidarias das catro provincias, concretamente a comedores sociais e cociñas económicas

Esta iniciativa conta cun orzamento total de 65.000 euros, que son financiados pola Vicepresidencia primeira, pola Consellería do Medio Rural e polo Parlamento de Galicia

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

Esta Noiteboa máis de 7.700 familias galegas en situación de vulnerabilidade recibirán menús solidarios, elaborados con produtos da canle Mercaproximidade. Esta iniciativa é posible grazas a un convenio de cooperación institucional entre a Xunta e o Parlamento de Galicia.

Así, os beneficiarios poderán desfrutar de menús elaborados con alimentos de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros ou industrias de transformación de Galicia mediante a rede alternativa Mercaproximidade. Neste senso, varios cociñeiros galegos de prestixio están a elaborar, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, un menú que se compón de estufado de Ternera Gallega galega con fabas e grelos e, de sobremesa, iogur galego con mel do selo de calidade IXP Mel de Galicia.

Estes menús serán entregados mañá a diferentes entidades solidarias das catro provincias, concretamente a comedores sociais e cociñas económicas para ser servidos no día de Noiteboa. A coordinación da intendencia necesaria correrá a cargo da ONG World Central Kitchen, en colaboración co persoal do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Iniciativa solidaria

Esta iniciativa solidaria conta cun orzamento total de 65.000 euros, que son financiados pola Vicepresidencia primeira, pola Consellería do Medio Rural e polo Parlamento de Galicia. O acordo súmase á colaboración asinada o pasado día 27 de novembro entre o Goberno galego e a Cámara autonómica para reforzar a actividade solidaria da canle Mercaproximidade na provisión de alimentos aos colectivos máis necesitados a raíz da covid-19, uns alimentos que se están a entregar tamén a diversas entidades sociais.

Cómpre lembrar que esta canle foi creada pola Xunta durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19. Así, dende a súa creación, adheríronse a ela máis de 450 industrias transformadoras e produtores, en calidade de provedores.

Ademais, seguindo esta labor solidaria, a propia Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios -como queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro e patacas- a diversas entidades sociais, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante a emerxencia sanitaria. Tamén entregou alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

Imaxes relacionadas