A Policía Autonómica realizou case 150 inspeccións e tramitou 26 denuncias durante a fin de semana na provincia de Pontevedra nos controis de medidas ante a covid-19

Os 42 dispositivos despregados enmárcanse no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación do coronavirus, no marco da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias

Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Baiona, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Poio, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vigo

Pontevedra, 23 de decembro de 2020

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada Ponte da Constitución un total de 42 dispositivos na provincia de Pontevedra no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes fronte á covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes actuaron en 18 concellos da provincia na pasada fin de semana, onde se realizaron 143 inspeccións nas que foron identificadas 109 persoas e tramitáronse 26 denuncias.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 18 e o 20 de decembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Baiona, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Poio, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vigo.

No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 43 concellos, nos que que se rexistraron 126 operativos cun total de 250 inspeccións, con 226 persoas identificadas e 65 denuncias tramitadas. Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración xeral entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias, e que está a intensificarse para o control das medidas fronte á covid-19.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos espazos públicos e nos establecementos abertos, terrazas e espectáculos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais ou a prevención do botellón, entre outras tarefas.