Sanidade actualiza a listaxe de territorios de obrigado rexistro para visitantes a Galicia

No territorio nacional, os viaxeiros procedentes de Castela-A Mancha, Illas Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciá, Estremadura ou Madrid estarán obrigados a inscribirse no rexistro de visitantes

O prazo máximo para trasladar esta información ás autoridades sanitarias será de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

A Consellería de Sanidade vén de actualizar a listaxe de territorios con rexistro obrigatoiro para os viaxeiros que cheguen a Galicia nas vindeiras datas.

A nivel nacional, as persoas que estiveran nos 14 días previos a súa chegada a Galicia nas comunidades autónomas de Castela-A Mancha, Illas Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciá, Estremadura ou Madrid, deberán cumprimentar o formulario de rexistro de viaxeiros habilitado na web do Sergas, ou ben comunicalo, de xeito telefónico, no número 881 00 20 21.

No que atinxe aos visitantes con procedencia internacional, estarán obrigados a proporcionar os seus datos de contacto todas persoas que cheguen a Galicia desde calquera dos países do continente africano.

No caso do continente americano, os viaxeiros procedentes de Belice, Brasil, Costa Rica, Curaçao, Ecuador, Estados Unidos, O Salvador, Guatemala, Honduras, Panamá, Paraguai, Porto Rico, Venezuela, Haití, Xamaica, Nicaragua, República Dominicana e San Martiño.

Así mesmo, compartirán esta obriga todas aquelas persoas que procedan dos seguintes países asiáticos: Bangladesh, India, Irán, Iraq, Kazakstán, Kyrguistán, Líbano, Omán, Palestina, Filipinas, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia, Iemen, Vietnam e Xordania.

No continente europeo, deberán comunicar a súa chegada á comunidade galega os viaxeiros que procedan de Acerbaixán, Albania, Alemaña, Andorra, Armenia, Austria, Bélxica, Bosnia, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Holanda, Hungría, Italia, Xersei, Kosovo, Latvia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Macedonia do Norte, Malta, Moldavia, Montenegro, Polonia, Portugal, República Checa, Reino Unido, Romanía, Rusia, San Mariño, Serbia, Suíza, Suecia, Ucraína, Xeorxia e Xibraltar.


Finalmente, e respecto dos territorios de Oceanía, deberán inscribirse todos os visitantes que procedan de Guam e a Polinesia Francesa.

A actualización da listaxe fica xustificada conforme á evolución epidemiolóxica tanto nas distintas comunidades autónomas como nos restantes territorios mencionados, alén das fronteiras nacionais.

Sobre este particular, para determinar os territorios de procedencia cuxos viaxeiros teñen a obriga de inscribirse no rexistro, Sanidade estableceu o criterio de incluír a aqueles países e territorios cuxa incidencia acumulada a 14 días fose superior a 250 casos por 100.000 habitantes, de acordo aos datos do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidade, e coa información sobre países do mundo, na mesma data, do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC).

Xa que logo, as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan dos territorios anteriormente citados, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non, dispoñendo dun espazo de tempo de vintecatro horas, desde a súa chegada, para trasladar a súa información.

A Consellería de Sanidade publicará hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a listaxe de territorios cuxa incidencia epidemiolóxica require desta obriga. Ademais, a súa actualización continuará a implementarse de xeito quincenal, segundo a evolución da pandemia en cadanseu territorio.

Imaxes relacionadas