O DOG publica a solicitude de rexistro da nova Indicación Xeográfica Protexida vitivinícola Terras do Navia

Deste xeito, dáse publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, que pretende distinguir os viños do nordeste da provincia de Lugo cun indicativo de calidade

Con esta publicación ábrese un prazo de dous meses para a presentación de alegacións

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia, que amparará os viños producidos na bacía do río Navia. A zona delimitada está situada ao nordeste da provincia de Lugo e abrangue o concello de Negueira de Muñiz e varias parroquias dos da Fonsagrada e de Navia de Suarna. Con esta publicación dáse publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, o que supón un primeiro paso de cara a súa inscrición no rexistro europeo. A solicitude publicouse tamén no Boletín Oficial de España (BOE) do pasado día 3 de decembro e, agora, ábrese un prazo, que finaliza o vindeiro 22 de febreiro, para que calquera que teña a consideración de interesado poida presentar alegacións.

Os trámites para a inscrición desta indicación xeográfica iniciounos a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, que representa a un incipiente sector vitivinícola que ten interese en distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade. Unha vez comprobado que se cumpren os requisitos legais, elaborouse o prego de condicións, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades, todas elas autóctonas, como as brancas albariño, branco lexítimo, godello e loureira ou as tintas albarín tinto, mencía, merenzao, brancellao e caíño tinto.

A posta en marcha desta denominación facilitará a comercialización das producións da zona e servirá para potenciar outras actividades económicas nese territorio, nomeadamente as relacionadas cos servizos turísticos. Por outra parte, a potenciación das nosas producións agroalimentarias e, en particular, as acollidas aos diferentes indicativos de calidade favorece a economía da comunidade autónoma.

Tramitación en Europa


Unha vez superado o período de alegacións, o expediente será remitido ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para o seu envío á Comisión Europea. Alí será analizado e sometido a outro proceso de oposición, este xa a escala da UE, con publicación no Diario Oficial da Unión Europea. Superado este proceso produciríase a inscrición formal no rexistro, pero previamente, unha vez que pase polo trámite a nivel español, pódese activar a denominada «protección nacional transitoria», mecanismo que permitiría que a indicación xeográfica se puidese usar en España mentres continuase o proceso de tramitación da inscrición a nivel europeo.

Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20201222/AnuncioG0528-301120-0001_gl.html