O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, e responsables do sector compartiron experiencias sobre estes meses de pandemia

Política Social participa nunhas xornadas de Agasede centradas no impacto da covid-19 nos centros residenciais

Fíxose fincapé no esforzo da Xunta e de todo o sector residencial para facer fronte á actual situación de emerxencia sanitaria

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, e responsables de centros de atención a persoas maiores e dependentes puxeron esta tarde en común as experiencias que están a afrontar por mor da pandemia. Fixérono na sesión inaugural das primeiras xornadas online organizadas pola Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede), que terán continuidade o vindeiro día 29.

Na súa intervención, Antón Acevedo fixo fincapé no esforzo realizado durante estes meses desde a Xunta e polos propios profesionais do sector residencial para facerlle fronte á covid-19. Neste sentido, garantiu a continuidade do apoio da Administración autonómica aos centros, aos que instou a non baixar a garda agora que está próximo o inicio do plan de vacinación.

Por último, o director xeral sinalou que a Xunta contará coa participación das entidades e organizacións que actúan no ámbito da atención aos maiores na elaboración do novo modelo residencial, que se ten que sustentar no aproveitamento das novas tecnoloxías ao servizo do coidado e do benestar dos maiores, na formación continua do persoal, no acondicionamento das infraestruturas e nunha maior coordinación sociosanitaria.