Xunta, Goberno central e concellos coordinarán este Nadal o labor dos máis de 11.000 efectivos das forzas e corpos de seguridade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe unha reunión con representantes das distintas administracións

O obxectivo é seguir afondando na colaboración entre administracións e reforzar o labor dos distintos corpos á hora de vixiar os incumprimentos das restricións sanitarias

Ao non ser necesarios os controis perimetrais entre o 23 e o 25, reforzase a vixilancia en locais de hostalería, centros comerciais ou rúas para evitar aglomeracións

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

A Xunta, a Delegación do Goberno de Galicia e a Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp) participaron hoxe nunha reunión para coordinar o labor dos máis de 11.000 efectivos das distintas forzas e corpos de seguridade nos días centrais do Nadal, durante os que se reforzarán os controis.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta xuntanza, na que tamén participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e o presidente da Fegamp, Alberto Varela. Ademais, na reunión tamén estiveron presentes o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, o xeneral xefe da Garda Civil, o comisario da Policía Autonómica, os máximos responsables das policías locais das grandes cidades; así como representantes das agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Por videoconferencia participaron a maioría dos xefes dos corpos de policías locais de Galicia, así como membros do comité clínico para explicar a situación sanitaria.

O obxectivo do encontro foi coordinar os esforzos para os días centrais de Nadal, especialmente tendo en conta que se van permitir os desprazamentos na totalidade dos concellos entre o 23 e o 25. A raíz desta maior mobilidade, prevese que tamén aumente o número de persoas que acoden aos establecementos de hostalería, centros comerciais ou rúas. Por iso, e tendo en conta que non haberá controis dos peches perimetrais, durante estes días reforzaranse nestes lugares os controis de afluencia para evitar aglomeracións

Así o explicou despois da xuntanza o vicepresidente primeiro, que agradeceu a “disposición” de todas as administracións para facer fronte a esta “responsabilidade compartida” e para conseguir unha “coordinación que vai ser especialmente necesaria a partir de mañá”. Neste sentido, agradeceu o traballo e compromiso de todos os efectivos das forzas e corpos de seguridade durante todo este tempo, ao tempo que lles pediu un “especial esforzo” nestas datas.

O vicepresidente primeiro fixo de novo un chamamento á toda a cidadanía galega, porque unha “maior presenza policial non pode substituír a responsabilidade individual”. Neste sentido, recordou que a inmensa maioría mantén un comportamento responsable, pero lamentou que segue habendo persoas que “coa súa conduta poñen en perigo a saúde dos demais”. Polo tanto, avogou por “evitar esas condutas e, se se producen, denuncialas e por suposto, sancionalas”.

Imaxes relacionadas