A Xunta organiza un concurso para promover a participación cidadá na iluminación artística de edificios do Camiño de Santiago

Os participantes deberán subir ás redes sociais un selfie cos hashtags #AcendeOXacobeo e #EnciendeElXacobeo e elexiranse aos tres mellores que serán premiados cunha experiencia gastronómica e unha estancia en Galicia

O acendido de monumentos comeza hoxe ás 18,15 horas e estenderase ata o vindeiro 31 de decembro

Nesta iniciativa participan 10 comunidades autónomas e iluminaranse 92 edificios en tres fases

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

As 18,15 horas de hoxe é o momento marcado para o inicio da iniciativa #AcendeOXacobeo #EnciendeEl Xacobeo pola que se iluminarán artisticamente 92 edificios históricos e singulares ao longo do Camiño de Santiago, dentro dunha actividade organizada pola Xunta como prólogo ao inicio do Xacobeo 2021 e na que participan 10 comunidades autónomas.

Serán 21 concellos galegos situados no comezo das distintas rutas xacobeas os que iluminarán a partir de este serán os seus edificios máis destacados como inicio da conta atrás para a apertura do Ano Santo.

Simulando o camiñar dos peregrinos, iranse iluminando edificios en lugares cada vez máis próximos a Santiago de Compostela, onde o día 31 culminará esta acción co acendido de distintos monumentos.

Para complementar e dar máis difusión á acción, proxectarase un vídeo de animación que recree a peregrinación a Santiago. Esta proxección farase sobre a torre do Reloxo da Catedral de Santiago e manterase durante todo o desenvolvemento da acción ata o 31 de decembro.

Co obxectivo de fomentar a participación cidadá neste acontecemento, a Xunta, a través de Turismo de Galicia, vén de organizar un concurso de fotografía onde os participantes deberán facerse un selfie individual ou colectivo, co edificio iluminado detrás.

Aquelas persoas que queiran participar nesta actividade só terán que subir ás redes sociais a imaxe cos hashtags #AcendeOXacobeo #EnciendeElXacobeo entre hoxe e o día 1 de xaneiro de 2021.

Logo, un xurado constituído por persoal de Turismo de Galicia, atendendo tanto á súa orixinalidade como aos seus valores, elixirá tres selfies gañadores, que poderán gozar dunha experiencia gastronómica nun restaurante con estrela Michelin e unha estancia gastronómica de fin de semana nun establecemento galego, a desfrutar ao longo do ano 2021.

A participación está aberta a todos os cidadáns españois maiores de 18 anos e as fotografías poderán realizarse diante de calquera dos edificios iluminados nas distintas comunidades autónomas que participan nesta iniciativa.