O secretario xeral de Cultura e o delegado territorial da Xunta en Ourense presentan o novo volume feito en colaboración co Seminario de Estudos Galegos

A Xunta impulsa a publicación dun libro sobre a importancia da Xeración Nós na arqueoloxía galega

Estruturado en nove capítulos, o libro incide no papel que xogou Florentino López Cuevillas no campo da arqueoloxía galega

O lanzamento desta monografía enmárcase nas actividades programadas polo Goberno galego con motivo do centenario da revista ‘Nós’

Ourense, 22 de decembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentaron hoxe na sede da Delegación o libro Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós impulsado polo Goberno galego en colaboración co Seminario de Estudos Galegos. Trátase dunha publicación que incide na importancia da Xeración Nós para o desenvolvemento dos estudos sobre arqueoloxía galega e que se enmarca nas actividades programadas con motivo do centenario da revista Nós.

Así, durante a presentación do volume, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou o importante papel que xogou Florentino López Cuevillas no campo da arqueoloxía galega. “As súas importantes achegas quedan reflectidas neste libro composto por nove capítulos dos cales catro están dedicados a súa figura”, afirmou. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo engadiu que tanto Museo Arqueolóxico de Ourense como o Castro de San Cibrao de Las están moi unidos ao traballo de López Cuevillas, importante investigador no campo da arqueoloxía e gran estudoso da cultura castrense en Galicia.

Estruturado en nove capítulos, o libro reflicte o movemento pioneiro da Xeración Nós non só na literatura, senón tamén no ámbito científico que orientaron cara á creación dunha conciencia real, cultural e histórica de país. O primeiro dos capítulos céntrase na Prehistoria de Galicia afondando no período que vai de o Paleolítico á Idade de Bronce. Os catro seguintes capítulos analizan á figura de Cuevillas como pioneiro do coñecemento científico sobre a cultura castrexa, investigador da prehistoria, colaborador sobre o mundo romano e etnógrafo. A continuación o volume afonda na relación da Xeración Nós coa arqueoloxía do norte de Portugal e coa investigación arqueolóxica na Coruña, en Lugo e en Pontevedra.

Exposición e nova web

O lanzamento desta publicación enmárcase nos actos impulsados pola Xunta de Galicia con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais.

Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, https://revistanos.galiciana.gal/, ou a exposición Galicia, de Nós a nós, a gran mostra sobre a Xeración Nós que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas procedentes de España, Francia, Alemaña e Portugal e que desde a súa inauguración, o pasado mes de outubro, xa foi visitada por máis de 10.000 persoas de xeito presencial. A esta cifra súmanse os preto de 3.000 estudantes que se achegaron ao legado de Nós a través das novas tecnoloxías grazas aos percorridos virtuais para centros educativos. En total, participaron nesta actividade 50 centros de toda a Comunidade.

Imaxes relacionadas