Aprobada a nova Lei de pesca continental que crea as escolas de río para garantir a remuda xeracional e unha actividade sostible

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que outros dous piares deste novo texto é impulsar o desenvolvemento turístico, económico e social e a ordenación das masas de auga para un aproveitamento equilibrado dos ríos

Con esta norma, que agora deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor, actualízase a normativa vixente aprobada hai máis de 30 anos

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, agradeceu esta mañá o traballo realizado polos grupos parlamentarios para sacar adiante a nova Lei de pesca continental, que prevé como unha das principais novidades a creación das escolas de río, como medida para garantir a remuda xeracional e unha actividade sostible.

O texto substituirá a actual normativa que ten case tres década de vixencia e entrará en vigor, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, un trámite que se prevé xa para comezos do vindeiro ano.

Unha das eivas que impregna e articula o texto é o esforzo para garantir o relevo xeracional na pesca, polo que se inclúen medidas orientadas aos máis novos, como a formación e concienciación. Entre as mesma, destaca as escolas de río, que se porán en marcha por primeira vez en Galicia o vindeiro ano, seguindo o exemplo e experiencia positiva doutras comunidades, como é o caso de Castela e León.

A pesca en Galicia é unha actividade na que a media de idade se sitúa entre os 50 e os 70 anos, polo que para achegar e despertar o interese dos mozos, os rapaces de ata 14 anos poderán practicar a pesca sen sacar licenza e todos os menores de idade non terán que pagar as taxas.

A importancia desta lei radica no feito de contar cun instrumento que protexe os ríos galegos como fonte de vida e como sinal de identidade de Galicia, e porque dá resposta a unha comunidade importante na protección dos ríos, como son os 40.000 pescadores, cuxa actividade se resume na xestión de 150.000 permisos de pesca ao ano e de 160 xornadas hábiles.