A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe o treito da estrada AC-552 no que comezarán os traballos a finais da primavera

Ethel Vázquez anuncia a licitación por máis de 1 M€ das obras do novo itinerario entre Carballo e Coristanco que completa o Plan de sendas da comarca de Bergantiños

As empresas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de xaneiro

Vázquez Mourelle concreta que se prevé ter rematadas as obras a principios de 2022, pois contan cun prazo de execución de 8 meses

A senda para peóns e ciclistas non deportivos, cunha lonxitude de 2,5 km, iníciase á saída de Carballo e remata no comezo das beirarrúas de Coristanco

Esta actuación culmina o Plan de Sendas na comarca, que suma 11 km de itinerarios seguros e sostibles, cun investimento de case 5M€

Lembra a adxudicación este mes da redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da 1ª fase da Variante de Carballo, cun investimento de 15 M€

Carballo (A Coruña), 22 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación por máis de 1 millón de euros das obras do novo itinerario entre Carballo e Coristanco que completa o Plan de sendas da comarca de Bergantiños.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou a contorna da estrada autonómica AC-552 na que se acometerá esta actuación. Na visita tamén participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o de Coristanco, Juan García.

A Plataforma de Contratos Públicos publica hoxe a contratación das obras deste itinerario mixto. As empresas teñen ata o vindeiro 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A responsable de Infraestruturas avanzou que o obxectivo é iniciar os traballos a finais da primavera e telos rematados a principios de 2022, pois contan cun prazo de 8 meses.

Trátase dun novo itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos, que permita reforzar e compatibilizar a seguridade viaria de todos os usuarios da estrada, con especial atención aos máis vulnerables.

O itinerario de preto de 2,5 km de lonxitude iniciarase á saída de Carballo e rematará no punto no que comezan as beirarrúas do municipio veciño de Coristanco. Prevense dous treitos, actuando tanto na marxe esquerda da estrada, como polo lado dereito.

Pola marxe esquerda, serán case 1,9 km de nova senda que irán desde a saída de Carballo ata conectar coa beirarrúa existente en Montecelo, xa en Coristanco, continuando a beirarrúa ata o núcleo de Coristanco.

Pola marxe dereita da estrada, habilitarase unha senda ata as inmediacións da fábrica de Calvo, de aproximadamente 600 metros.

Co obxectivo de darlle continuidade ao itinerario sobre o río Grande, executarase unha pequena pasarela adosada ao viaduto existente.

O proxecto tamén prevé traballos de pavimentación, drenaxe de augas pluviais, xunto coa execución dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións de telecomunicacións e alumeado.

Plan de Sendas de Bergantiños

Ethel Vázquez salientou que esta intervención completa o Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, porque os outros 6 itinerarios previstos están xa executados. En total, impulsáronse 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 millóns de euros.

Engadiu que o seu departamento está a traballar en novos proxectos para mellorar a seguridade dos peóns nas estradas, con sendas como a que en Coristanco prolongará a licitada hoxe ata chegar ao centro comercial; a do Couto en Ponteceso ou as previstas en Soesto e Serantes, en Laxe.

Puxo en valor outras actuacións de reforzo da seguridade viaria e mellora da mobilidade como a Variante de Carballo.

Lembrou que este mes se adxudicou a redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da 1ª fase deste vía, que suporá un investimento de 15 millóns de euros.

Imaxes relacionadas