A Fundación Galicia Europa centrará a súa acción en 2021 na defensa dos intereses da comunidade galega para optar a fondos europeos

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión do Padroado da Fundación ara abordar a estratexia de cara ao próximo ano

A FGE realizará en 2021 un seguimento doutras políticas comunitarias con incidencia en Galicia ademais do Plan de Recuperación para Europa, como a política de cohesión, a PAC ou o Brexit

A institución convocará novas bolsas de formación e novas edicións do seu curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa dirixidas a técnicos a nivel local e ao ámbito empresarial

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da FGE, Jesús Gamallo, participou esta mañá por videoconferencia na segunda reunión anual dos membros do órgano de goberno da Fundación Galicia Europa (FGE), na que se abordou a estratexia e as actuacións que o organismo levará a cabo o próximo ano.

Durante o encontro, Jesús Gamallo, expuxo o plan de actuacións da Institución para o 2021, que estarán centradas en aspectos, como o seguimento das negociacións entre a Comisión Europea e o Goberno de España no relativo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ao Acordo de Asociación para a política de cohesión, ao Plan Estratéxico da PAC e ao Brexit.

Ademais, o plan presentado recolle entre as súas principais prioridades a defensa dos intereses de Galicia, a través do labor da FGE no Comité das Europeo das Rexións, das súas redes de cooperación rexional europea e da organización de encontros de alto nivel entre o Goberno galego e as institucións comunitarias.

Por outra banda, a Fundación Galicia Europa continuará coa súa labor de información, sensibilización e formación sobre a Unión Europea en Galicia. Por iso, a institución publicará unha nova convocatoria das súas bolsas de formación para mozos e mozas, creará un novo portal web e organizará novas edicións de TecEuropa; o seu curso de especialización en financiamento comunitario que, ao longo dos anos, conseguiu situarse como un referente para técnicos de entidades públicas e privadas galegas sen ánimo de lucro. Coas novas edicións acordadas polo Padroado, a FGE desexa dar resposta á alta demanda durante a convocatoria da décima edición e ás suxestións dos asistentes. Para iso, enfocará as súas próximas edicións na formación en financiamento comunitario a nivel local e empresarial.

Por último, tras a definición das actuacións e por mor das actividades xa levadas a cabo pola Institución en 2020, como o ciclo de encontros virtuais “Galicia na recuperación económica da UE”, os membros do Padroado da Fundación analizaron aspectos da actualidade comunitaria, como o Plan de Recuperación para Europa.
 

Imaxes relacionadas