A Xunta licita por máis de 490.000 euros as obras para eliminar un treito de concentración de accidentes na estrada autonómica PO-551 ao seu paso por Domaio, no municipio de Moaña

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio da contratación desta actuación, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 26 de xaneiro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade celebrou o pasado día 17 de decembro o levantamento de actas previas á expropiación e as obras executaranse en 2021

Actuarase no treito da vía entre o paso de peóns da travesía de Meira, á altura do centro de saúde, e a intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio

Melloraranse os cruces na área da Cerradiña e no porto de Domaio e instalarase sinalización intelixente nos pasos de peóns para aumentar a visibilidade

Construiranse dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de bus, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda

Tras a análise das alegacións, incorpórase a posibilidade de xirar á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a PO-551 para acceder á vía provincial EP-1103
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar o contrato para executar as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes na estrada autonómica PO-551, en Domaio, no concello de Moaña.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio da licitación desta actuación, por un importe de máis de 490.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade celebrou o pasado día 17 de decembro o acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos, e o obxectivo de executar as obras no ano 202.

O proxecto permitirá actuar no treito comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e no 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.

Os traballos previstos centraranse na mellora de interseccións, como a da área recreativa da Cerradiña ou a do porto de Domaio, na que se executará una glorieta. Esta última permitirá os xiros en condicións seguras nese punto e contribuirá ao calmado do tráfico.

Tamén se acondicionarán os pasos de peóns, con sinalización intelixente para facilitar a súa percepción. Así, instalaranse sinais verticais luminosos e puntos de luz específicos para o seu alumeado con detectores de presenza de peóns. Ademais, limitarase o aparcamento nos 10 metros anteriores para aumentar a súa visibilidade.

O proxecto contempla a construción de dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de bus, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda. As obras tamén mellorarán o paso de peóns da travesía de Meira, fronte ao centro de saúde.

Renovaranse as barreiras de seguridade e reporanse algúns sinais verticais, que serán substituídos por outros de maior reflectancia co fin de facilitar a percepción da estrada en horario nocturno. Tamén se colocarán bandas transversais de alerta á entrada da travesía de Domaio desde Rande.

Achegas incorporadas ao proxecto

A Xunta, tras a análise das alegacións presentadas, incorporou no proxecto a posibilidade de xirar á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a estrada PO-551 para acceder á estrada provincial EP-1103.

Ademais, na contorna da nova glorieta proxectada no punto quilométrico 31+580, ampliarase o ancho da beirarrúa anexa á edificación existente na marxe dereita.

Durante a execución da obra e de acordo cos criterios de funcionamento da estrada, determinarase o punto exacto máis axeitado para situar o cruzamento peonil no punto quilométrico 31+920.