A Xunta financia a adquisición dun vehículo todoterreo para reforzar o equipamento do servizo de medio ambiente de Palas de Rei

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe na entrega deste vehículo que permitirá mellorar a calidade do servizo e garantir a protección do medio ambiente no munipio

Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración do Goberno galego e os concellos para afrontar as actuacións necesarias para a cidadanía

A Xunta investiu nos últimos anos máis de 917.700 euros en melloras ambientais e de infraestruturas no municipio

Palas de Rei (Lugo), 22 de decembro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, entregou esta mañá o vehículo todoterreo pick-up ao concello de Palas de Rei co que a Xunta colaborou este ano na súa financiación e que se destinará ao servizo de municipal de emerxencias e protección do ambiente. Ao acto tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

O Goberno galego da así resposta á demanda do concello para substituír o vehículo empregado nestas tarefas que quedara inutilizado como consecuencia do aumento do seu uso durante o estado de alarma para, ademais das labores habituais, levar a cabo outros servizos relacionados coa prevención do coronavirus.

Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para que poidan levar a cabo actuacións necesarias para a veciñanza e que, en moitos casos, lles resultaría complicado afrontar e executar en solitario.

Neste caso, o Goberno galego asinou co municipio de Palas de Rei un convenio de colaboración para adquirir un novo vehículo co obxectivo de garantir a protección ambiental e dos espazos naturais do concello e facer máis eficaz o servizo dedicado a estes traballos. O acordo aliñase cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, ao que a Xunta destina 12,5 millóns de euros na convocatoria deste ano.

No marco deste fondo, a Xunta tamén apoia este ano a ampliación e renovación do alumeado público en varias zonas do concello, así como unha axuda conxunta para melloras ambientais nos concellos de Palas de Rei e Friol. De feito, o municipio ten presentado en varias ocasións propostas en conxunto con outros concellos apoiadas polo Goberno galego e dirixidas, por exemplo, ao reforzo da brigada de emerxencias ou do grupo de vixilancia ambiental xunto con Melide. Nesta liña, a directora xeral de Administración Local sinalou que iniciativas deste tipo contribúen a optimizar e evitar duplicidades de recursos por parte das entidades locais.

A través do Fondo de Compensación Ambiental e outras liñas de subvencións como a Orde de Infraestruturas de uso público, o concello de Palas de Reis recibiu da Administración autonómica máis de 112.200 euros neste exercicio, que se suman aos máis de 917.700 euros investidos nos últimos anos.

Imaxes relacionadas