A Xunta e a Universidade de Vigo avanzan na elaboración da futura Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais

Representantes de ambas institucións celebraron unha segunda xuntanza de traballo na que se analizaron as cuestións incluídas no bloque temático dous, que se centra nas actuacións preventivas

Para abordar a futura Lei decidiuse dividir o seu contido en catro bloques temáticos, que darán lugar a outras tantas reunións para avanzar na súa redacción

Os outros tres eixos son o reparto de competencias entre administracións, as limitacións de usos e actividades no monte e a extinción dos lumes

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2020

A Xunta e a Universidade de Vigo seguen colaborando na elaboración da futura Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Así, vense de celebrar unha nova xuntanza de traballo entre o persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, expertos da Universidades de Vigo e representantes do sector forestal para coñecer aspectos técnicos relacionados coas actuacións preventivas. Neste senso, cabe sinalar que para abordar a elaboración da futura Lei decidiuse dividir o seu contido en catro bloques temáticos, que darán lugar a outras tantas reunións para avanzar na redacción desta norma.

Así, nesta reunión analizouse o segundo bloque temático relacionado con aspectos como a elaboración do desenvolvemento normativo ou as técnicas innovadoras de planificación relacionadas coa prevención dos incendios forestais. A través dunha nova enquisa, enviada ao sector, determinaranse aspectos fundamentais para abordar unha correcta prevención nos montes de Galicia, tendo en conta o carácter privado dos terreos forestais, entre outros asuntos. Esta xuntanza deu continuidade á primeira reunión de traballo, celebrada no pasado mes de novembro e na que se analizou a repartición de competencias entre administracións no que atinxe á prevención e á extinción dos lumes (o primeiro bloque temático).

En vindeiros encontros abordaranse, no bloque temático tres, as limitacións de usos e actividades no monte en relación cos incendios forestais, incluíndo a regulación dos usos do lume. Por último, no bloque temático catro analizarase a extinción de incendios forestais, incluíndo a vixilancia e a detección, a investigación de causas e a formación, tendo en conta ademais os efectos do cambio climático.

Proceso participativo

Para a elaboración desta norma, a Xunta ten en conta as consideracións do sector, ao tratarse dun proceso participativo, cun grupo de traballo do que forman parte nove representantes da Consellería do Medio Rural, 13 do Consello Forestal e outros 18 empregados públicos en representación das asociacións profesionais e sindicatos integrados polo persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A redacción desta futura Lei destaca por ese proceso participativo, onde as 40 persoas integrantes de cada reunión do grupo de traballo procederán a avaliar a temática que lles corresponda e a elaborar a unha enquisa que se distribuirá entre un total de 203 persoas que integran o denominado grupo ampliado: 46 membros do Consello Forestal, 46 representantes da Consellería do Medio Rural e 111 integrantes dos sindicatos e asociacións profesionais.

Coas conclusións de cada bloque temático, tras avaliar os resultados dese total de catro enquisas, elaborarase un documento de base final que permitirá a redacción da nova Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, con vistas a ter un texto articulado de consenso no primeiro semestre de 2021.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural