A Xunta formaliza a compra de sete parcelas no polígono de Baión para construír a planta de biorresiduos de Sogama en Vilanova

A conselleira Ángeles Vázquez participou esta mañá na reunión do Consello de Administración de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), propietario do solo, durante a que se ratificou a operación de compra-venda de 20.000 metros cadrados

Hai dúas semanas, a Xunta sacou a licitación o contrato para redactar o proxecto básico da nova instalación, cunha capacidade de tratamento prevista de 15.000 toneladas de fracción orgánica e na que se investirán 15,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

O Consello de Administración de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), ente público de carácter estatal, vén de ratificar a adquisición por parte da Xunta de sete parcelas no polígono de Baión, en Vilanova de Arousa, para construír unha nova planta de compostaxe a partir de biorresiduos domésticos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asistiu esta mañá á reunión na que, entre outros asuntos, aprobouse o acordo entre a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), promotora do proxecto, e SEA, propietaria do parque vilanovés, para adquirir un total de 20.000 metros cadrados por un importe de 1,5 millóns de euros.

A operación de compra-venda fora anunciada xa a comezos deste mes pola conselleira, durante a súa visita ao polígono de Baión e coincidindo coa publicación da licitación por 157.000 euros, IVE incluído, do contrato para redactar o proxecto básico da futura planta de compostaxe. Esta será a segunda planta pública en Galicia dedicada ao tratamento e xestión dos chamados biorresiduos domésticos, logo da que se puxo en marcha o ano pasado en Cerceda, no propio complexo medioambiental de Sogama.

O obxectivo da nova infraestrutura proxectada en Vilanova de Arousa é dar servizo a aproximadamente 25 concellos do chamado eixo atlántico sur, polo que os beneficios da súa construción percibiranse tanto no municipio –coa creación estimada de 30 empregos entre directos e indirectos- pero tamén en toda a comarca pontevedresa do Salnés.

En canto á capacidade da planta, poderá tratar ata 15.000 toneladas (Tn) ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 7.000 Tn de podas e restos de madeira coas que se estima que poderán producirse 6.000 Tn anuais de compost de alta calidade, destinado ao sector agrícola como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

Unha instalación punteira e que aposta polas renovables

A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento) así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O proceso levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable, cumprindo os máis altos estándares tecnolóxicos e de calidade, co obxectivo de convertela nunha das instalacións deste tipo máis modernas de España e mesmo de Europa.

En total, o investimento previsto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a posta en marcha da instalación proxectada no polígono vilanovés ascenderá a 15,5 millóns de euros.

Ademais, tamén está previsto construír outras dúas plantas no sur de Ourense e no norte de Lugo, co fin de poder ofrecer o mesmo servizo de tratamento e compostaxe de biorresiduos nestas dúas provincias e cubrir deste xeito a totalidade da Comunidade. De feito, só nos orzamentos de 2021 a Consellería ten reservada unha partida de 25 millóns para fomentar a compostaxe en Galicia a través das tres novas plantas de biorresiduos proxectadas.