A Xunta licita por máis de 3,6 M€ o reforzo do firme nas estradas autonómicas AC-523 na Laracha e Cerceda e na AC-840 en Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Melide e Santiso

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, destaca que será o reforzo de firme máis importante que se execute na Comunidade no ano 2021, abranguendo un total de máis de 32 quilómetros

As empresas interesadas no contrato licitado hoxe teñen de prazo ata o vindeiro 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas

Os traballos teñen como principal obxectivo reforzar a seguridade viaria e a comodidade na condución, ao tempo que conservar as estradas nas mellores condicións

Vilasantar (A Coruña), 22 de decembro de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, visitou esta mañá a zona na que se van a levar a cabo as obras de mellora de firme na AC-840 ao seu paso por este concello.

O representante do Goberno autonómico aproveitou a visita para anunciar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe mesmo na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia o reforzo de firme máis importante do 2021 na Comunidade que se levará a cabo na AC-523 ao seu paso polos concellos da Laracha e de Cerceda, e na AC-840 ao seu paso polos termos municipais de Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Melide e Santiso.

En total, a Xunta investirá máis de 3,6 millóns de euros para levar a cabo a rehabilitación integral do firme en máis de 32 quilómetros destas estradas autonómicas, segundo recolle o contrato licitado hoxe. As empresas interesadas na súa execución teñen ata o vindeiro 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A intervención consistirá na rehabilitación do firme nos treitos da calzada que presentan maior deterioro e levaranse a cabo actuacións localizadas de reparación e rehabilitación destas dúas estrada de titularidade da Xunta. O obxectivo da actuación é conservar e mellorar as características funcionais das vías, reforzando a seguridade viaria e a comodidade na condución, e protexer o conxunto do firme aumentado a súa durabilidade, uniformidade e aspecto.

Trenor destacou que “estes traballos, que se inclúen dentro do Plan de Reforzo de Firmes que vén desenvolvendo a Xunta nos últimos anos, xunto coa conservación ordinaria, poñen de manifesto a aposta que está a facer este Goberno pola calidade e seguridade viaria das estradas autonómicas da Comunidade”.

O delegado territorial recalcou que “a conservación das vías de titularidade autonómica e a mellora da seguridade viaria son dous eixes estratéxicos da política de estradas que está a desenvolver o Goberno32 galego, xa que iso significa falar da vida e da integridade das persoas e non hai nada que estea por enriba diso”.

Hai que recordar que Galicia conta cunha das redes viarias máis extensas de toda España e tamén soporta unhas condicións meteorolóxicas que obrigan a un especial coidado das estradas para garantir a seguridade dos usuarios que transitan por elas.
 

Imaxes relacionadas