A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de mellora da capacidade do enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo

Esta actuación suporá un investimento autonómico de preto de 340.000 euros e as obras teñen un prazo de execución de 12 meses

Actuarase no enlace da autovía AG-41 e da vía de altas prestacións VG-4.1 coa PO-504, incrementando a seguridade viaria e mellorando a fluidez da circulación en momentos de moita afluencia de tráfico

Esta intervención é compatible co desdobramento da vía de altas prestacións VG-4.1 previsto na planificación da Xunta

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción de mellora da capacidade do enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo.

O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/8i77l

A Xunta achegará un investimento de preto de 340.000 euros, incluídas as expropiacións, para acometer esta obra. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.

Trátase dunha actuación de reforzo da seguridade viaria no enlace da autovía AG-41 e a vía de alta capacidade VG-4.1 coa PO-504 e que busca mellorar a fluidez da circulación en momentos de moita afluencia de tráfico que poden chegan a afectar á citada vía de alta capacidade. A día de hoxe, os vehículos que proceden da Lanzada en dirección Sanxenxo percorren un ramal de saída de 200 metros de lonxitude no que se crean problemas de fluidez de tráfico pola existencia dunha sinalización de stop no seu final.

O proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta busca tanto a mellora da seguridade viaria como da fluidez do tráfico. Para iso proponse a modificación do ramal existente partindo da estrutura sobre a actual PO-504, para executar un ramal cun radio de xiro axeitado e ampliar a calzada no tramo da estrada entre a glorieta do enlace de Sanxenxo e da PO-504, eliminando o stop existente e dotándoo dun carril adicional.

Tamén é necesario elevar a rasante actual do ramal da conexión entre glorietas para reducir a pendente de saída do ramal.

Tras entroncar coa vía actual, o novo ramal continúa configurándose a estrada con dous carrís en sentido Sanxenxo, ata chegar á glorieta da PO-504, o que permite aumentar a capacidade e mellorar considerablemente o fluxo de tráfico.

Cómpre destacar que esta solución é compatible co desdobramento da vía de alta capacidade VG-4.1 previsto na planificación da Xunta.