O conselleiro de Sanidade reúnese cos colexios oficiais de médicos e de enfermería para explicarlles o Plan de Vacinación fronte á covid

Julio García Comesaña agradece aos profesionais de ambos colectivos a súa receptividade ao Plan

A semana pasada, o departamento sanitario galego xa se reuniu coas organizacións sindicais da Mesa Sectorial

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado do xerente do Sergas, José Flores Arias, reuniuse hoxe, por videoconferencia, cos presidentes dos colexios oficiais de médicos e de enfermería das catro provinciais galegas, para explicarlles o Plan de Vacinación fronte á covid. A semana pasada, o Executivo galego xa se reuniu, tamén de xeito telemático, coas organizacións sindicais presentes nas Mesa Sectorial de Sanidade, para explicarlles o plan. Está previsto así mesmo, que, ao longo do día de mañá, Sanidade explique o plan ás sociedades científicas.

Logo de manter estas xuntanzas, Julio García Comesaña quixo destacar a receptividade coa que ambos colectivos acolleron a explicación deste Plan de Vacinación fronte á covid.

Sinalar que a Xunta de Galicia vén de aprobar, no última reunión semanal do Executivo galego, o seu Plan de vacinación da covid, que contará cun equipo con máis de 200 profesionais de enfermería para coordinar a campaña.

O obxectivo da Xunta será o de vacinar, nun primeiro estadío, a 40.000 cidadáns. A campaña comezará polos colectivos considerados prioritarios. Así, os primeiros en facelo serán os arredor de 22.000 usuarios das residencias de maiores e de atención a grandes dependentes; os preto de 17.000 traballadores destes centros sociosanitarios; e os case 3.000 traballadores sanitarios que están en primeira liña.

Galicia disporá dun operativo loxístico para garantir as condicións adecuadas de almacenamento, transporte, temperatura, trazabilidade e seguridade das vacinas covid. Ademais contará cunha serie de puntos de vacinación e cunha rede segura de transporte monitorizada, con seguimento constante de temperatura e localización.

Imaxes relacionadas