Un total de 11 empresas da área de Santiago beneficiaranse de máis de 3,4 M€ en axudas da Xunta para a mellora da transformación e venda de produtos agroalimentarios

O delegado da Xunta na Coruña destacou que estas achegas permiten ás empresas medrar e aumentar a súa capacidade produtiva para ser máis competitivas

Gonzalo Trenor visitou a empresa Vermutería de Galicia, unha das beneficiarias desta orde

Padrón (A Coruña), 21 de decembro de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández, fixo balance, esta mañá, das axudas da Consellería de Medio Rural para a comarca de Santiago de Compostela para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O representante do goberno autonómico informou destas axudas durante a visita á empresa Vermutería de Galicia, beneficiada por esta orde de axudas cunha achega de 20.900 euros que permitiu mobilizar un investimento de máis de 69.000 euros para incrementar a súa produción con equipos de última xeración, aumentando así a calidade dos produtos, mellorar a xestión dos stocks e a loxística e para investir en I+D.

Vermutería de Galicia, coñecida comercialmente pola súa marca St. Petroni, traballa en diversificar a súa produción no segmento de bebidas de aperitivo, atopándose en plena fase de consolidación dunha variedade branca de vermú de base vinícola e planea novos desenvolvementos relacionados co pemento do Padrón. A compañía, que comercializou no mercado en dous anos unhas 200.000 botellas do seu vermú vermello, coloca o 10% do seu destilado en 12 países, principalmente europeos.

Este tipo de axudas consisten en subvencións a fondo perdido para realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas na comunidade destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios. Neste senso, Trenor destacou que “o importante deste tipo de axudas é que van encamiñadas a facer que as empresas do rural poidan mellorar a súa capacidade produtiva e súa competitividade nos mercados”. O delegado territorial puntualizou que “estas achegas son unha gran oportunidade para que as nosas empresas poidan seguir medrando e mellorando as súas instalacións, unha peza clave para garantir o seu futuro”.

Na comarca de Santiago de Compostela foron 11 as empresas beneficiadas por estas axudas nos concellos de Ames, Dodro, Frades, Melide, O Pino, Padrón, Santa Comba, Touro e Vedra. Contaron cunhas axudas en total de máis de 3,4 millóns de euros e mobilizaron máis de 9,9 millóns de euros.

Imaxes relacionadas