A Xunta investiu 6,5 M€ en plans de mellora agraria e incorporación de mozos ao sector primario no concello de Lalín nos últimos catro anos

Luisa Piñeiro destaca a forte aposta do Goberno galego polo medio rural na capital dezá, cunha aportación global de 26,5 M€ dende 2017, na súa visita á explotación avícola de produción de pavos 'Valiña de Castro' co alcalde, Xosé Crespo

Esta nova granxa, que comezou a funcionar en maio, recibiu 232.000€ en axudas da Xunta para as instalacións e pola participación de dúas persoas mozas

A delegada territorial destaca a “revaloración económica e social” da agrogandeiría no marco da pandemia e aplaude a especialización do campo galego

Lalín, 21 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou esta mañá unha visita á granxa avícola de produción de pavos Valiña de Castro, na parroquia lalinense de Castro, e revelou que o Goberno galego investiu 6,5 millóns de euros en plans de mellora agraria e no programa de incorporación de mozos ao sector primario no Concello de Lalín nos últimos catro anos.

“Estas dúas liñas de axuda, que son das que foi beneficiaria este novo proxecto de Valiña de Castro, reflicten ben as claras o compromiso da Xunta coa agrogandeiría da capital dezá, que é o territorio de referencia do sector primario en Galicia e que queremos que siga por esta senda, polo que estamos a investir moitos recursos para favorecer a súa produción, especialización, rendibilidade e, por suposto, a garantir a remuda coa chegada das novas xeracións”, indicou a representante autonómica, que engadiu que os recursos adicados polo Goberno galego ao medio rural lalinense nos últimos catro anos, en todas as áreas, alcanza os 26,5 millóns.

A delegada territorial, acompañada do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, coñeceu estas modernas instalacións da man dos seus promotores, que partiron dunhas explotacións de porcos de ceba e vacún de leite e crearon esta granxa de produción de pavos cunha capacidade duns 13.000 animais.

Esta industria agrogandeira, que comezou a funcionar a pleno rendemento o pasado mes de maio, recibiu unha axuda da Xunta de Galicia, ao abeiro do plan de mellora, de 162.000€ para a construción dunha nave para cría e engorde cunha superficie de 2.500 m2, un estercoleiro, un grupo electróxeno e dous silos de penso. Ademais, o executivo galego tamén aportou outros 70.000€ a esta iniciativa pola incorporación de dúas persoas á actividade.

“Creo que se trata de axudas moi importantes, pero que teñen un valor estratéxico, xa que serven para fornecer o noso sector primario, que é dos máis importantes de Europa, e ademais fixan poboación no noso medio rural xa que xeneran emprego para a mocidade”, detallou Luisa Piñeiro, que lembrou que a agrogandeiría vén de recibir “unha gran revalorización económica e social” no marco da crise da covid-19, “xa que, nesta triste pandemia, os cidadáns deronse conta da súa importancia, moitas veces invisibilizada, e creo que temos que aproveitar esta sinerxia positiva para seguir impulsándoo e aproveitando as novas oportunidades para seguir construíndo o seu futuro a partires da especialización”.

Imaxes relacionadas